Por E.P. | A CORUÑA | 11/05/2022 | Actualizada ás 20:16
O Concello da Coruña recibiu este mércores obxectos pertencentes a María Casares. A familia da actriz decidiu doar á cidade, con motivo do Ano Internacional María Casares, unha importante cantidade de artigos, que conteñen desde libros a fotografías.
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu a Michel Casares, descendente de María Casares, e á súa muller Danielle Chantal, no palacio de María Pita, para formalizar a entrega destes 282 documentos de valor histórico. Moitos deles pertencían a Santiago Casares Quiroga, que os levou consigo a Francia cando marchou exiliado en 1936.
No acto, a alcaldesa fixo entrega á familia da actriz dun agasallo institucional por parte do concello e destacou a importancia que ten para A Coruña e o seu sector cultural a recuperación destes arquivos.
"Esta doazón é un feito de gran importancia para a nosa cidade, na que tentamos expandir a figura de María Casares, unha coruñesa que triunfou máis aló das nosas fronteiras e á que dedicamos este ano 2022", sinalou a rexedora.
CONFERENCIAS DA XUNTA
Por outra banda, o director de teatro e ópera Jorge Lavelli e o actor e director Josep María Flotats compartiron nesta xornada as súas vivencias profesionais e persoais con María Casares no ciclo de conferencias organizado pola Xunta.
As intervencións desta nova xornada foron presentadas polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e tiveron lugar no salón de actos do Museo de Belas Artes, onde se desenvolve un ciclo que se prolongará ata finais de ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.