As confrarías de pescadores consideran "inaceptable e indecente" que os mexilloeiros reclamen dimisións na Xunta

Afirman que "nos últimos anos foron arrasadas de forma indiscriminada poboacións de percebe por parte dalgúns grupos desalmados do sector mexilloeiro".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/05/2022 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

As confrarías galegas cargaron contra as asociacións de mexilloeiros que reclaman dimisións ao máis alto nivel na Consellería de Pesca pola xestión da Administración autonómica no conflito cos perceberos pola extracción de mexilla (cría de mexillón).

Cultivo de mexillóns en batea
Cultivo de mexillóns en batea | Fonte: RTVE.

As federacións galega e provinciais de pescadores cualifican de "inaceptable e indecente" a postura que defenden os colectivos que este sábado se concentrarán en Santiago coincidindo co acto de toma de posesión de Alfonso Rueda como novo presidente da Xunta.

Censuran que pidan a dimisión da conselleira do Mar, Rosa Quintana, e da directora xeral de Desenvolvemente Pesqueiro, Susana Rodríguez, porque consideran "valente", "ponderada" e "necesaria" a decisión adoptada desde o departamento de mar do Goberno galego en aras de "salvagardar as poboacións" de percebe, "que nos últimos anos foron arrasadas de forma indiscriminada por parte dalgúns grupos desalmados do sector mexilloeiro", din

Deste xeito, defenden a declaración de zonas prohibidas para a extracción de mexilla, medida que, lembran, está amparada nun fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que reivindican como "indispensable para tentar evitar un conflito social" entre sectores "estratéxicos e obrigados a convivir".

Acusan a mexilloeiros de pretender "a xudicialización" do sector e consideran que as protestas convocadas "só poden obedecer a razóns de tipo político e sen atender ao sentido común e á realidade existente no mar".

"Se alguén rompeu o diálogo e, por tanto, un posible acordo entre sectores, esas foron certas asociacións do sector mexilloeiro, as que sempre mostraron unha postura prepotente para negociar", aseveran as confrarías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta