Tradutores profesionais avisan que non colaborarán coa administración ante a nova orde de axudas ao sector

A AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) denuncia que non se tivo en conta ao sector para a elaboración do texto que especificaba axudas para os e as tradutoras.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/05/2022 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

A AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) rexeita, unha vez
máis, o enfoque e o contido da orde de axudas á tradución
, que considera pouco coherente
coa realidade da profesión e do sector, e que non tivo en conta a meirande parte das peticións
das entidades do ámbito.

Traballo diante do ordenador
Traballo diante do ordenador | Fonte: EFE

A AGPTI (igual que outras entidades) xa fixo chegar á administración as súas achegas, entre elas as máis importantes:
- importancia de separar traducións cara ao galego e do galego a outras linguas, pois implican estratexias e realidades moi diferentes. Consideran que a escusa técnica para non facelo non está xustificada.
- valoración de que as traducións se fagan directamente e non a través de linguas ponte. Isto é importante sobre todo para fomentar que exista a tradución cara ao galego de linguas menos habituais.
- debe valorarse de xeito máis obxectivo e simple o currículo das persoas que fan as
traducións.

Ademais, este ano, ao contrario do suxerido por diversas entidades, introdúcense algúns elementos absurdos para resolver problemas reais: para evitar que se subvencione dúas veces a mesma obra, o primeiro proxecto recibido será o que a reciba, sen ter en conta outros parámetros, como a calidade da tradución. Inclúense criterios como o lugar de nacemento das persoas autoras das obras orixinais, cousa que consideran que non ten absolutamente nada que ver cos obxectivos que deberían ter estas axudas.

Desde a AGPTI sinalan que se fai un traballo exhaustivo "para estudar as propostas da administración ano tras ano, e dedicamos tempo e esforzo a analizalas e elaborar as nosas conclusións e presentar alternativas". Entenden que a administración "non ten interese en atender as necesidades reais do sector, nin en definir uns obxectivos claros para estas axudas".

A AGPTI é unha asociación fundada en 2001 co obxectivo de crear unha plataforma de comunicación entre os profesionais para a defensa do colectivo de traballadores e traballadoras da tradución e da interpretación, ademais da difusión da lingua galega como lingua de traballo neste sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta