Recuperan do mar na Coruña unha áncora que podería ser da época romana

Trátase dunha peza lítica duns 250 quilos de peso.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 23/05/2022 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

Unha áncora lítica, previsiblemente da época romana, segundo fontes do consistorio, foi recuperada este luns do mar, na Coruña, e desembarcada na zona de Oza. Desde o Concello, indicaron que hai tempo foron localizadas no mar, fronte á praia do Matadoiro, dúas antigas áncoras líticas, probablemente de época romana, "a 30 metros unha da outra, polo que se supón que pertencen a unha mesma embarcación".

Áncora lítica, probablemente romana, recuperada do mar na Coruña
Áncora lítica, probablemente romana, recuperada do mar na Coruña | Fonte: Radio Coruña - Cadena Ser.

"Hoxe as condicións do mar permitiron acudir cunha embarcación a extraelas", apuntaron. Unha delas, duns 250 quilos de peso, foi sacada do mar e desembarcada en Oza. Agora será tratada para a súa conservación durante un mes e a intención do consistorio, unha vez documentada e analizada, é poder exhibila no Castelo de San Antón.

Sobre a outra ancora, aseguraron que se atopaba moi cuberta pola area, polo que indicaron que "haberá que agardar unha nova oportunidade para extraela".

É a primeira vez que na Coruña se extraen áncoras deste tipo, aínda que achados parecidos producíronse no sur de Galicia. "Pero no norte é moito máis excepcional, de aí o seu interese", apostilaron fontes municipais.

Respecto das áncoras, manifestaron tamén que as localizou hai tempo un mergullador afeccionado, Miguel Ángel Domínguez Losada, que foi quen deu aviso do achado ao concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta