Economistas piden á Xunta menos regulación e máis axudas á empresa privada

O Foro Económica de Galicia esixe unha reforma administrativa que podería afondar nas políticas neoliberais sostidas por Feijóo dende 2009.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2022 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

O Foro Económico de Galicia presentou unha proposta para urxir a reforma da administración que pase por unha simplificación regulatoria, menos burocracia, despregamento de novas tecnoloxías e colaboración público-privada. Precisamente a política que vén desenvolvendo o PP de Feijóo nos últimos anos, aumentando a contía dos convenios con empresas privadas e aplicando unha desregulación 'salvaxe', principalmente no tocante aos grandes proxectos industriais con risco de afectación sobre a fauna e flora silvestres.

O director do Foro Económico, Santiago Lago, e a codirectora de Rede Localis, Concepción Campos Acuña, en rolda de prensa
O director do Foro Económico, Santiago Lago, e a codirectora de Rede Localis, Concepción Campos Acuña, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

A postura da FEG destílase dun informe desenvolto pola codirectora de Rede Localis, Concepción Campos Acuña, quen formou parte do grupo de expertos conformado polo Ministerio de Política Territorial en 2021 para reformar a administración. Nas súas conclusións aposta por un decálogo de medidas nas que tamén se atopan a avaliación de políticas públicas, reordenación de estruturas organizativas e profesionalización da dirección, unha xestión transparente e optimizar as oportunidades derivadas dos fondos Next Generation.

Así, Campos Acuña reflexiona acerca de que a administración "necesita moitas reformas" que se executen "sen atraso" para "pasar por fin de administrados a cidadáns". Neste sentido, esta experta apunta que é necesario "non máis leis, senón mellores leis". Indica que o ano pasado aprobáronse en todo o Estado máis de 850 normas, o que supón un 7% máis, pero cre que esa non é a solución, senón aplicar medidas sen necesidade de sobredimensionar o corpus lexislativo e que os cidadáns se perdan coas normas.

Igualmente, opina que "a burocracia non é o problema, é a mala burocracia". Considera que "falta coordinación" entre diferentes administracións. Así mesmo, remarca a necesidade da simplificación procedimental, pois expón que a presentación dunha solicitude presencial ten uns custos estándar para os cidadáns duns 80 euros, mentres o custo nunha solicitude electrónica redúcese a 5 euros.

Algún dos exemplos que debullou sobre como pode ser máis eficaz a administración é a través da innovación. Observa que o envellecemento e a dispersión provocan unha fenda dixital que se pode solucionar coa creación de puntos de atención á cidadanía para non obrigar a que a xente maior teña que desprazarse para as súas xestións.

A pesar da coincidencia entre as demandas do foro e a política de liberalización da Xunta, o director do Foro Económico, Santiago Lago, subliñou no acto que "a administración pública non está á altura do que se necesita", xa que se vive unha situación de "parálise", polo que é necesario un "cambio de cultura".

Por iso, considera que a nova Xunta debe "aproveitar a conxuntura" para "resetear" e dar impulso a iniciativas coas que modernizar a Administración galega. Entre outras cuestións, Lago avoga pola posta en marcha dunha axencia de avaliación de políticas públicas, de forma que se examinen as medidas que se pon en marcha e a súa eficacia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta