Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2022 | Actualizada ás 13:25
A Policía Nacional investiga a sabotaxe de varios camións de recollida de lixo do Concello de Santiago de Compostela despois de que na noite deste mércores se cortasen os circuítos de aire e o cableado eléctrico dalgúns vehículos.
Tal como informou a Administración municipal nun comunicado, o suceso ocorreu na nave que a concesionaria de recollida de lixo, Urbaser, teñen no Polígono do Tambre. Segundo o parte da Policía Local, trátase de cortes "limpos" realizados cun obxecto cortante.
A pesar de que ata sete vehículos resultaron afectados, a compañía puido realizar o servizo de recollida de lixo grazas a que cinco camións non danados saíron a facer os labores pertinentes. "Afortunadamente, o servizo xa está operativo e a cidade amenceu limpa, aínda que hai dous vehículos que non se puideron reparar", indicou a concelleira de Medio, Mila Castro.
Ela mesma lamentou que este tipo de actos vandálicos a quen máis afecta é á veciñanza e aclarou que se trata dunha sabotaxe intencionada en plenas Festas da Ascensión, "sabendo o dano que fan unha noite de gran afluencia de xente polas rúas e de gran actividade hostaleira".
Esta sabotaxe tamén se trasladou á planta de residuos de Formarís, onde un operario detectou cravos colocados coa suposta intención de picar as rodas dos vehículos cando ían descargar. Afortunadamente puideron retirarse sen que ningún camión resultase afectado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.