Os traballadores do metal da provincia da Coruña amplían a folga seis novas xornadas en demanda dun convenio

As mobilizacións celebraranse os próximos días 7, 8, 9, 28, 29 e 30 de xuño

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2022 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Os traballadores do metal da provincia da Coruña anunciaron seis novas xornadas de folga e mobilizacións en demanda dun convenio. Trátase dunha convocatoria "unitaria" promovida polos sindicatos CIG, CCOO e UGT que se celebrará os días 7, 8, 9, 28, 29 e 30 de xuño. "Entendemos que debemos ser máis contundentes e abarcar máis empresas para poder saír deste conflito dignamente", apuntou o portavoz de CIG-Industria na Coruña, Eduardo Caamaño.

As protestas son para reclamar un convenio para os máis de 16.000 traballadores que integran o sector do siderometal nesta provincia e co obxectivo, segundo explicaron os seus representantes sindicais, de garantir o poder adquisitivo dos salarios e recoller melloras laborais e sociais. Tamén piden a subrogación de traballadores de empresas de mantemento. Os representantes sindicais anunciaron tamén que mentres duren as negociacións van tentar  "prohibir totalmente as horas extras".

REUNIÓN COA MESA DE NEGOCIACIÓN

O próximo día 1 de xuño está convocada unha reunión coa mesa de negociación. Así o apuntou Caamaño, quen asegurou que os sindicatos están "dispostos a negociar calquera cousa que sexa moito mellor" que o que presentaron na última cita --celebrada o pasado 6 de abril-- que foi "totalmente infumable".

Pola súa banda, o responsable de UGT-FICA Galicia, Juan Ramón Paseiro, pediu á patronal que "non se empeñe en crear traballadores escravos". "Temos dereito a un salario e a un convenio digno e esta loita non vai parar ata alcanzar ese obxectivo", concluíu. "Esperamos que a patronal negocie de boa fe", indicou o responsable de CCOO-Industria na Coruña, Arturo Julián Vázquez, quen engadiu que este convenio "non pode seguir secuestrado máis tempo".

Mobilización de traballadores do sector do metal. M. Dylan - Europa Press
Mobilización de traballadores do sector do metal. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta