Sara González: "As mulleres tamén enfermaron polo amianto, non son só viúvas ou 'señoras de"

Esta ferrolá vén de desenvolver unha investigación que coloca no foco ás mulleres vítimas deste material contaminante. Moitas, explica, infectábanse mentres lavaban a roupa do traballo dos seus pais, fillos e maridos.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Para todas as mulleres que, coma a miña avoa, dedicaron a súa vida á súa familia, e a limpar a roupa do traballo da que os empresarios non querían facerse responsables. Para todas as mulleres afectadas polo amianto do mundo, para que deixen de ser invisibles". É por elas por quen a ferrolá Sara González Veiga, graduada no dobre grao de Dereito e Relacións Laborais, vén de desenvolver a investigación 'Aínda que custe respirar: estudo do amianto con perspectiva de xénero', coa que procura arroxar luz sobre o impacto e os efectos pouco explorados deste material contaminante nas mulleres. 

A escritora ferrolá Sara González
A escritora ferrolá Sara González | Fonte: remitida

O estudo, que foi titorizado por Joaquín Vidal e Consuelo Ferreiro, e que contou coa colaboración de asociacións de persoas afectadas como ANANAR ou AGAVIDA, foi recoñecido pola Valedora do Pobo como un dos mellores Traballos de Final de Grao en materia de igualdade e dereitos das mulleres, e chegou a facerse oco mesmo no Parlamento de Galicia . Velaquí a conversa coa súa creadora, Sara González, tamén autora de dous libros - 'Escenas de una vida entre líneas' e 'La inmensidad del alma'- 

Como neta dun traballador da antiga Bazán, escoitaras moitas historias na túa casa sobre o contacto dos operarios co amianto?

Si. Eu era pequena e o meu avó falábame do amianto, entón quedou aí ese pouso... Logo cheguei á carreira, ao dobre grao de dereito e relacións laborais, e cando din o tema da prevención de riscos, apareceu de novo o amianto. Nese momento xa andabamos pensando no Traballo Final de Grao, e dixen: xa está, quero tratar isto. Pero decidín darlle un toque máis orixinal, e como tiña en mente facer un traballo feminista, tirei pola investigación do amianto desde unha perspectiva de xénero. 

E con que realidade te atopaches? Non é un tema moi investigado... 

Aquí non hai moita investigación, pero fóra si. Comecei a buscar en noticias de xornais a nivel anglosaxón, Sudáfrica, Reino Unido, Irlanda, Alemaña, Dinamarca... E vin que alí son moi habituais as novas tipo "unha muller morre afectada por amianto ao lavar a roupa de traballo do seu marido'". Fun tirando e pouco a pouco construín a investigación, pero atopar información foi unha das maiores dificultades ás que me enfrontei. E isto evidencia a necesidade de investigar con perspectiva de xénero, senón non saímos do círculo vicioso: non hai información, entón non creamos contido en torno ao tema, e se non hai contido, nunca se coñecerá esa realidade. 

En moitas estatísticas que consultaba, poñían cun asteristo "as enfermidades que padecen as mulleres non están recollidas nesta investigación por ser residuais". Residuais, residuais... A min esa palabra quedoume cravada. É inxusto non investigar por ser supostamente residuais. É máis, non podemos afirmar que son residuais se non o estamos investigando e sacando conclusións. 

Por que pensas que neses países que nomeas o foco mediático si se colocou tamén nelas e aquí non?

Quizais as asociacións teñen maiores facilidades para chegar aos sitios aos que teñen que chegar. Penso tamén que na nosa contorna se utilizou o amianto en espazos moi masculinizados, cousa que noutros países non era tan drástica, e había máis casos de mulleres profesionais da limpeza ou da hostalaría afectadas. Aquí elas quedaron nun segundo plano, e non é que non existan mulleres afectadas, é que están recluídas no ámbito doméstico. Temos que cambiar o chip: as mulleres non son só viúvas ou 'señoras de'. Moitas delas son traballadoras non remuneradas do fogar que tamén enfermaron lavando a roupa do marido, do pai, do fillo. E seguen loitando polo recoñecemento dos dereitos dos homes da súa familia cando elas mesmas non teñen ningún.

Están logo infradiagnosticados estes casos?

Si. É imposible que estes casos estean ben diagnosticados se non tes un rexistro de 'amas de casa'. Elas son traballadoras no seu fogar, pero para a Seguridade Social non o son, e como non están recoñecidas, non teñen dereito a demandar que a súa é unha enfermidade profesional. Ao non ter un rexistro, esa muller non existe e a súa enfermidade tampouco. É necesario darlle unha volta ao tema de que as mulleres que realmente adicaron toda a súa vida ao traballo doméstico non teñan retribución. Moitas delas tamén pasarán por alto que a súa asbestose ou o seu cancro de ovarios, que é un dos efectos específicos que provoca o amianto nas mulleres, ten que ver co contacto con este material. 

E o cancro de ovarios está recoñecido como enfermidade laboral?

En países como Alemaña está amplamente recoñecido que o cancro de ovarios é causado polo amianto. Desde a OMS non teñen unha seguridade ao 100% porque non hai investigacións, pero existe unha correlación suficientemente importante. No tema das enfermidades profesionais hai moita discriminación de xénero. Se vas ao cadro destas enfermidades en relación co amianto só ves as xenéricas, pero ningunha causada só ás mulleres. 

Ademais desas mulleres vítimas indirectas, que enfermaban, por exemplo, lavando a roupa do marido que traballaba en contcto co amianto, na túa investigación falas doutras dúas tipoloxías de vítimas. Quen son?

Segundo a súa fonte de exposición, ademais das chamadas vítimas indirectas ou por convivencia, están tamén as vítimas laborais, que estiveron expostas no seu ambiente de traballo, e as vítimas ambientais, persoas afectadas por residir cerca dunha fonte contaminante de amianto. A muller vítima ambiental coa que puiden falar, que sofre un mesotelioma pleural, tiña amianto no tellado da casa de enfronte, e é a única explicación lóxica que dá o persoal médico para a súa enfermidade. O ano pasado tamén saíu unha sentenza histórica para este tipo de vítimas: o Tribunal Supremo confirmou que Uralita - unha fábrica de Cerdanyola, Barcelona - terá que indemnizar á veciñanza por provocar o contacto co amianto. Ata os nenos xogaban con el.

E que relatos atopaches de vítimas directas, que se contaxiaran no posto de traballo?

O caso máis coñecido é o de dúas mulleres irmás traballadoras da Papeleira Uranga, de Gipuzkoa. Elas manipulaban sacos que estaban impregnados dun po branco que resultaba ser amianto, pero a empresa non fixo ningún tipo de control específico que seguramente si tiñan os seus compañeiros homes que estaban cortando amianto. Sempre se pasou por alto que esas mulleres podían estar afectadas. Ao final conseguiron que se lles recoñecesen as enfermidades profesionais, co conseguinte recargo de prestacións e aumento da pensión. O problema na nosa contorna é que hai empresas que xa non existen, e para reclamar é todo moitísimo máis complexo. Ademais penso que o protocolo médico de amianto debería terse activado en moitas máis mulleres, pero como non se lles preguntaba polos seus traballos ou posibles contactos, non se lles recoñecía. Espero que cada vez pregunten máis. 

Falas no teu traballo dunha “conspiración do silencio” e dunha “peregrinaxe xudicial”. A que realidades se enfronta unha muller que se ve afectada polo amianto?

Unha muller traballadora no fogar e afectada de maneira indirecta, cando quere demandar por unha enfermidade que posúe, vai directamente á xurisdicción civil, que ten uns custos moi elevados. Non pode reclamar na xurisdicción laboral porque non ten ningunha relación laboral con ningunha empresa, así que terá unha indemnización simple de danos e prexuízos. No caso dun home traballador, iría directamente á xurisdicción laboral. E se ese home traballador quere reclamar por unha situación que lle afectou á súa muller falecida, si tería dereito a recoñecela na vía da xurisdicción laboral. En cambio, unha muller que reclama polo seu home ten que ir ao civil. O que se pide dende hai anos é que todo o vinculado co amianto sexa tratado como unha cuestión laboral, é moito máis xusto e máis barato.

No Parlamento de Galicia presentáronse emendas á Lei do Amianto. Recóllese a perspectiva de xénero?

Si. O BNG púxose en contacto comigo e mesmo nomearon a miña investigación no Parlamento de Galicia. Estou contenta porque vexo que o traballo está servindo de axuda. Puxeron de manifesto que as mulleres afectadas existen e que son casos que hai que estudar. Eles afondan, sobre todo, no tema do fondo de compensación, que ten que poñerse en marcha xa como noutros países da contorna.  

A túa investigación tamén conecta cos nesgos de xénero no eido da prevención de riscos. De que maneiras opera este nesgo?

É moi complicado de ver pero sinxelo de entender o tema da ergonomía, que estuda a adaptación do posto de traballo ás características físicas do traballador ou traballadora. Canto máis adaptado, menos enfermidades profesionais, menos lesións e menos accidentes de traballo. Nisto, os nesgos de xénero comezan cando todos os modelos que se toman son sempre a partir de homes. Non hai moitas empresas que, por exemplo, se dediquen á creación de material de construción para mulleres, polo que teñen que acabar adaptando os cascos ou luvas dos compañeiros. Isto é discriminatorio. Se o dereito á protección, saúde e seguridade é un dereito fundamental recoñecido na lei de prevención de riscos e incluso na constitución, por que seguimos rompendo ese principio de igualdade? Por que o home traballa seguro e as mulleres non? Parece unha tontería, pero é que isto salva vidas. 

Que queda por diante? Cales son as claves para ti neste sentido?

Investigación, investigación, investigación. Con perspectiva de xénero, para sermos conscientes das discriminacións. Cómpre entender o feminismo como un aspecto transversal que debera estar presente en todas as materias. Tamén é importante formar moito o persoal médico e de enfermaría, non só a neumólogos, porque o amianto métese no corpo e non sabes como vai afectar. E moita colaboración coas asociacións que padecen toda esta problemática en primeira persoa e, por suposto, impulsar o fondo de compensación. Iso é urxente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta