Caldeliñas: proxecto 'Next Generation' para recuperar o patrimonio termal de Verín

O goberno municipal espera beneficiarse dos 'Fondos Europeos Next Generation' para impulsar o seu proxecto de rehabilitación do Balneario de Caldeliñas. O investimento sería duns 1.043.044,91 euros que poderían ser subvencionables entre un 80 ou 90 %.

Por Galicia Confidencial | Verín | 01/06/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A rehabilitación do balneario histórico de Caldeliñas consiste na adecuación e reforma das instalacións para viabilizar a súa apertura ao público de maneira permanente. En palabras de Gerardo Seoane, alcalde de Verín: "O que queremos e conseguir, ao igual que en Fontenova, e un aproveitamento real das nosas augas mineromedicinais, recurso tan extraordinarios como desaproveitado nas últimas décadas". Ademais, neste caso, o grupo de goberno quere recuperar e protexer o patrimonio cultural vinculado ao balneario de Caldeliñas. O obxectivo é recuperar a protección legal do patrimonio arquitectónico vinculado co balneario no que se refire ás ruínas da antiga Casa de Baños, as instalacións complementarias e a contorna. 

Recreación reforma Balneario de Caldeliñas. Foto: Prensa Concello de Verín
Recreación reforma Balneario de Caldeliñas. Foto: Prensa Concello de Verín

ACCIÓNS DE RESTAURACIÓN

A rehabilitación que se proxecta para os dous edificios que conforman o balneario histórico consiste na mellora das  súas infraestruturas coa finalidade de posibilitar a súa apertura ao público de maneira permanente como museo e sala de exposicións.

Conservarase a estrutura orixinal do edificio restaurando os seus muros e reforzándoos nos puntos onde sexa preciso. Na zona sen bañeiras colocarase un novo pavimento, mentres que na zona de baños encargarase a fábrica un azulexo igual ao existente coa finalidade de reconstruír esta zona coa súa imaxe orixinal.

A través dunha visión didáctica e coidada, e facendo uso das técnicas de interpretación patrimonial máis modernas, o museo ofrecerá materiais informativos sobre o primeiro contacto cos habitantes da comarca e a súa historia. Ademais, tamén terá espazo para realizar exposicións temporais dedicadas á concienciación e interpretación da natureza así como para numerosas actividades buscando dinamizar a actividade cultural e patrimonial e loitando por crear unha "identidade común tan necesaria na comarca".

Vista aérea do balneario de Caldeliñas. Foto: Prensa Concello de Verín
Vista aérea do balneario de Caldeliñas. Foto: Prensa Concello de Verín

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta