Pontón fixa as "prioridades" para a xuntanza con Rueda: plan de choque en sanidade e contra a crise de prezos

O BNG presentará unha "axenda galega de temas urxentes".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/06/2022 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixou as que son as dúas prioridades para a reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do próximo luns. Trátase dun plan de choque para a sanidade dotado con 200 millóns de euros e 700 millóns para dedicalos aos colectivos máis vulnerables e afectados pola crise.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na feira Salimat, de Silleda
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na feira Salimat, de Silleda | Fonte: BNG.

Durante a visita a Silleda, ao salón Salimat, Pontón incidiu en dúas das prioridades que o BNG levará á reunión co presidente da Xunta e que xa lle foron remitidas por escrito ao xefe do Executivo no documento que a líder do Bloque denomina "a axenda galega de temas urxentes".

Así, trátase dun plan de 200 millóns para "sacar a atención primaria do colapso" e un paquete de propostas para "paliar o impacto da escalada inflacionista", con medidas concretas: aumentar o complemento autonómico das pensións non contributivas, mellorar a Rigsa --que sexa compatible co IMV-- e aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda ás familias con menor nivel de renda.

"Esta semana vimos unha nova protesta dos profesionais da sanidade, neste caso, de medicina interna, precariedade que tamén afecta a calidade da atención que poden prestar. Unha nova mostra dos recortes que afectan a todo o sistema público e, moi especialmente, a atención primaria", manifestou.

En canto ao paquete de medidas que cifra en 700 millóns de euros, Pontón explicou que a crise de prezos "está a pór contra as cordas as pemes, a clase traballadora e as persoas autónomas", con especial incidencia nos colectivos con menos ingresos.

"Levaremos como proposta a suba do complemento autonómico das pensións non contributivas, que son as máis baixas, menos de 400 euros na maior parte de casos", apuntou Pontón, quen precisou que se trata de 37.000 galegos que teñen "grandes dificultades" para chegar a final de mes.

Por iso, Pontón proporá unha suba do complemento autonómico, que leva "13 anos conxelado", co fin de "botarlle unha man a quen peor o está pasando".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta