Reganosa activou o máximo nivel de alerta varios días por un incidente na emisión da planta de Mugardos

Fontes próximas a Reganosa suliñan que o consumo de gas e o consumo enerxético en Galicia e Asturias foron normais e que se tratou "dunha incidencia das que con normalidade ocorren no sistema gasista español".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/06/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Un "incidente" na rede de transporte de Reganosa na área de Galicia mantivo a planta de regasificación de Mugardos coa emisión parada desde o pasado día 1 de xuño ata o 4. Unha incidencia na rede de emisión que non concretou a empresa pero obrigou a Reganosa a activar o Nivel 2 da súa Situación de Operación Especial, o máximo nivel de alerta, segundo apunta Enagás.

Terminal de gas natural licuado (GNL) de Reganosa en Mugardos (A Coruña). CEDIDA/EP - Arquivo / Europa Press
Terminal de gas natural licuado (GNL) de Reganosa en Mugardos (A Coruña). CEDIDA/EP - Arquivo / Europa Press

Este problema obrigou a alimentar o sistema gasístico de Galicia e Asturias e toda a súa gran industria co gasoduto Ruta de la Plata, do gasoduto Burgos-Santander-Asturias e da Conexión Internacional de Tui. Tamén se procedeu ao adiamento das operacións de mantemento nas áreas veciñas.

"Dado que o prognóstico de reparación de Reganosa do citado incidente supera as 48 horas respecto do seu inicio, e dada a alta demanda que se está rexistrando na área, co obxecto de controlar as presións na área até o reinicio de emisión da planta de Mugardos, requeriuse a limitación dos consumos e declárase SITUACIÓN DE OPERACIÓN EXCEPCIONAL NIVEL 2", comunicou Enagás aludindo ao manual de "Operación del sistema en situación excepcional" que cualifica os niveis de gravidade en nivel 0, nivel 1 e nivel 2.

Con todo, suliñou que, seguindo o principio de intervención mínima, garantiuse o 100% da demanda convencional así como un consumo eléctrico de 20 GWh/día para as centrais de Galicia e 4 GWh/día para as centrais de Asturias para o día 2 de xuño. Unhas cantidades foron acordadas co operador eléctrico REE, sendo as mínimas requiridas para garantir a seguridade de subministración do sistema eléctrico.

Fontes próximas a Reganosa suliñan, pola súa banda, que o consumo de gas e o consumo enerxético en Galicia e Asturias foron normais. "Enagás decidiu por espazo dunhas horas poñer un tope á entrada de gas nos ciclos combinados desas comunidades. Nin afección aos fogares, nin afección ás industrias, nin afección algunha ao sistema enerxético, ao estar coordinada a medida con REE, cousas todas facilmente comprobables", indican.

CERO SUBMINISTRO A ASTURIAS 

Posteriormente, segundo Enagás aumentouse a 9 GWh/día para as centrais de Galicia e diminuise a 0 GWh/día para as centrais de Asturias e desde as 6:00 do día 3 de xuño até as 6:00 do día 4 de xuño garantiuse o 100% da demanda convencional así como un consumo eléctrico de 35 GWh/día para as centrais de Galicia e 0 GWh/día para as centrais de Asturias.

Desde o día 3 o consumo diario de gas para xeración eléctrica foi de 36 GWh/día en Galicia e 18 GWh/día en Asturias. Tamén etivo limitada durante eses días a contratación adicional dos compromisos de entrega no gasoduto Zamora-Oviedo-Tui por falta de capacidade de transporte temporal até o reinicio de emisión da planta de Mugardos.

"INCIDENCIA DAS QUE OCORREN CON NORMALIDADE"

"O certo é que entre o xoves e a mañá do sábado estivemos levando a cabo unhas labores de mantemento no tramo de gasoduto entre Mugardos e Cabanas (A Coruña) despois de ter sido detectada unha avaría nun punto da rede en Cabanas. Tratouse dunha incidencia das que con normalidade ocorren no sistema gasista español", indican, pola súa banda, fontes próximas a Reganosa.

 

Así, suliñan que, durante o episodio, o terminal de Mugardos nunca estivo parado. "Durante horas non puido emitir ao gasoduto pola avería puntual na rede de transporte, pero continuou subministrando gas en forma líquida a través de cisternas", apunta.

 

A situación de alerta máxima rematou ás 14.00 horas do pasado 4 de xuño e, segundo fontes próximas a Enagás consultadas por GC esta avería provcou "un susto importante" a unha parroquia de Cabanas o pasado xoves. Fontes próximas á Reganosa aclaran que os traballos de mantemento xeraron puntualmente "ruídos perceptibles por algúns veciños de Cabanas e no entorno do terminal de Mugardos", polo que lamentou as molestias ocasionadas e agradeceu a comprensión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta