Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2022 | Actualizada ás 15:58
A Policía Nacional de Ribeira detivo ao presunto 'estafador do polbo' por dous roubos con violencia a unha anciá no seu domicilio e a unha empregada dun supermercado.
Segundo informou o corpo policial, nas últimas semanas detectaran que un individuo estaba a cometer "pequenos timos" a establecementos hostaleiros e a particulares, nos cales ofrecía polbo a baixo custo que, finalmente, resultaba ser area "ou algo pesado" dentro dunha bolsa.
Unha vez identificado, a policía do municipio declarou que estiveron "a seguir os seus pasos" durante uns días, ata que na tarde do 31 de maio procedeuse á súa detención por un presunto "tirón de bolso" a unha anciá ao entrar no seu domicilio.
Así mesmo, o mesmo individuo foi detido novamente na tarde do 4 de xuño como presunto autor dun delito de roubo con violencia tras furtar mercadoría nun supermercado da localidade e agredir a unha traballadora do establecemento que lle requiriu a devolución dos produtos.
Tras tramitarse as correspondentes dilixencias policiais, o corpo de seguridade nacional de Ribeira puxo ao detido a disposición do Xulgado de Instrución de Garda da localidade coruñesa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.