Luz verde da Xunta á explotación da única mina de coltán en Europa, en Viana do Bolo, á que se opoñen os ecoloxistas

Strategic Minerals prevé extraer 50 millóns de toneladas de mineral durante 30 anos. Os ecoloxistas alertan de que a contaminación sobre a contorna de Pena Trevinca será "devastadora".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/06/2022 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

A Xunta deu luz verde a outorgar o pase a concesión de explotación de recursos da sección C de Penouta, no concello ourensán de Viana do Bolo, a única mina de coltán en Europa. Así figura na resolución asinada pola directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, que recolle o Diario Oficial de Galicia deste luns.

A mina de estaño da Penouta, en Viana do Bolo, é propiedade da canadense Strategic Minerals
A mina de estaño da Penouta, en Viana do Bolo, é propiedade da canadense Strategic Minerals | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Na mina de Penouta traballa a empresa promotora Strategic Minerals Spain, unha compañía de capital mixto español-americano instalada desde o 2018. Apostou naquel ano por recuperar unha planta que se atopaba abandonada desde 1985, despois de estar ao cargo das empresas do grupo Rumansa durante varias décadas.

A compañía chegou a principios do 2018 tras realizar sondaxes previas desde o 2011 e dedicouse á extracción do tantalio e niobio, os dous metais que compoñen o coltán e que ata o momento extraían da denominada sección B.

Agora suman unha nova zona de explotación na que se atopaba situada a antiga mina, unha explotación ao descuberto cunha extensión de 150 hectáreas onde os traballos terán unha duración de 30 anos --prorrogables ata un máximo de 75 anos-- a completar en seis fases de cinco anos cada unha.

O informe técnico favorable do Servizo de Enerxía e Minas recolle que as reservas calculadas son de máis de 100 millóns de toneladas de mineral susceptibles de ser explotadas. A explotación durante 30 anos prevé a extracción de 50 millóns de toneladas de mineral.

Mina da Penouta, en Viana do Bolo
Mina da Penouta, en Viana do Bolo | Fonte: youtube.com

As previsións de investimentos son de 40,5 millóns de euros, con traballos no primeiro ano por 1,6 millóns. A Xunta sostén que a compañía "goza dun estado de solvencia económica aceptable".

Ademais, o Goberno galego fixa un aval á empresa por 3,2 milllones euros, que se divide en 1,6 millóns tanto para o cumprimento de obrigacións de financiamento e viabilidade ambiental como para o cumprimento do plan de restauración.

CRÍTICAS DE ECOLOXISTAS

O expediente foi presentado para a súa análise en outubro do 2020 e, tras ser sometido a valoración por 11 organismos diferentes, unicamente recibiu unha resposta negativa por parte da Federación Ecoloxista Galega, polo que en decembro do 2021 a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda resolveu a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto considerándoo "ambientalmente viable".

Agora, o Goberno galego deu luz verde a ese proxecto de explotación dos recursos da sección C por parte da empresa, que realizará un proceso integramente físico, empregando auga para separar os minerais máis densos seguido dunha separación magnética anterior ao secado e a súa posterior venda, e ademais ten a obriga de desenvolver os traballos de recuperación das zonas afectadas.

A concesión chega despois de que distintas organizacións ecoloxistas se opuxeron á mesma e pedisen que se denegase o proxecto pola afectación que supón para a contorna.

En concreto, a mediados do ano pasado, Ecoloxistas en Acción pediu que se denegase porque implicaría "a continuación de verteduras directas con altas concentracións de metais pesados sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000".

Alertaban de que a mina "é un gran foco de contaminación" tanto polas características "xeoquímicas do xacemento como polo incumprimento, por parte das sucesivas concesionarias e das administracións, das súas obrigas en materia de restauración do espazo afectado polas actividades mineiras", unha queixa que reiteraron en xaneiro deste mesmo ano e de novo en abril, cando criticaron que a explotación "continúa acumulando expedientes polas verteduras de metais pesados, vertendo en regas da zona".

Os ecoloxistas lamentan que a situación "empeora" porque o "reprocesado dos materiais das antigas balsas non era máis que unha tapadeira" para garantir a obtención dos dereitos para a explotación ao descuberto, a sección C, coa que aseguran que a contaminación sobre a contorna de Pena Trevinca será "devastadora".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta