Por gcdeportes | Compostela | 30/07/2014 | Actualizada ás 09:17
Non estará Álex Marque, pero si Gustavo César Veloso e Delio Fernández, enrolados no OFM-Quinta da Lixa e favoritos para gañar. Máis o coruñés Pablo Torres, no Burgos BH, que loitará por levarse algunha etapa.
Hoxe principia a 76ª edición da Volta a Portugal, esa que os galegos gostan de gañar nos últimos anos: cinco veces o compostelán David Blanco (2006, 2008, 2009, 2010, 2012) e unha Álex Marque (a última do 2013). Seis vitorias galegas nos últimos oito anos. E na edición do 2013, non só venceu na xeral o estradense Álex Marque: Delio Fernández gañou unha etapa; Veloso, a etapa raíña; e Marque, a proba contra o reloxo.
Non será doado repetir a xesta. Serán 16 equipos (144 corredores) e os sete portugueses preparan a conciencia a Grandíssima. E este ano o percorrido será máis duro, con ata tres etapas consecutivas con remate en alto --terceira (serra do Larouco), cuarta (serra da Graça) e quinta (santuario de Nª Srª da Assunçao)-- e máis montaña.
O arousán Gustavo César Veloso, que na Volta do 2013 quedou segundo a catro segundos do seu amigo Álex Marque, volve ser un dos favoritos, pero avisa: “As carreiras son carreiras. Gaña un só. Hai moitas circunstancias que inflúen”. Pero asume a súa condición: “Vou tranquilo co equipo que teño. Sei que teño moi bo equipo para poder disputar a xeral, despois só falta que as miñas pernas e a miña cabeza funcionen como fixeron o ano pasado”. E como a Volta ten máis montaña, Veloso chega máis fino que o ano pasado.
Ao seu carón estará Delio Fernández, recente gañador do Trofeu Joaquim Agostinho, que tentará axudar o seu líder pero sen desbotar as súas opcións de cara á clasificación xeral. Hoxe, prólogo, e logo dez etapas en once días. Ata o 10 de agosto, co obxectivo do podio en Lisboa:
Prólogo (30 xullo): CRI en Fafe (6,8 quilómetros)
1ª etapa (31 de xullo): Lousada – Maia (183,5 kms)
2ª etapa (1 agosto): Gondomar – Braga (171,8 kms)
3ª etapa (2 agosto): Viana do Castelo – Montalegre (180 kms)
4ª etapa (3 agosto): Boticas – Mondim de Basto (192,5 kms)
5ª etapa (4 agosto): Alvarenga – Santo Tirso (161,3 kms)
6ª etapa (5 agosto): Oliveira do Bairro – Viseu (155 kms)
Xornada de lecer (6 agosto)
7ª etapa (7 agosto): Belmonte – Seia (172,5 kms)
8ª etapa (8 agosto): Sabugal – Castelo Branco (194 kms)
9ª etapa (9 agosto): CRI Oleiros – Sertã (28,9)
10ª etapa (10 agosto): Burinhosa – Lisboa (167,1 kms)
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.