Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2022 | Actualizada ás 14:40
O BNG pediu no Congreso que o Goberno solucione os problemas de "miles de persoas" no Reino Unido, "moitas delas galegas", pola "falta de atención na embaixada e consulados do Estado español".
En varias iniciativas rexistradas na Cámara baixa e das que informou o Bloque nun comunicado, o deputado nacionalista Néstor Rego, pide establecer os medios necesarios para garantir unha "rápida e áxil xestión" para renovar o pasaporte ou os trámites de primeira emisión, así como asegurar os dereitos laborais das persoas que traballan na Administración estatal no Reino Unido.
O BNG sinala que moitas das persoas residentes no Reino Unido levan máis dun ano esperando para poder realizar xestións administrativas nos consulados xerais ou na embaixada.
"Renovar o carné de identidade, expedir o pasaporte ou renovalo son trámites administrativos que, de normal, poden resolverse en cuestión de días, pero na situación actual pode supor esperar meses sen resposta", sinala o parlamentario do Bloque, que asegura que a acumulación de tarefas faise máis visible despois do Bréxit e o parón da pandemia, que levou a esta administración "ao colapso".
A formación nacionalista asegura que a situación foi denunciada por numerosas persoas, todas elas coa mesma situación: "Esperas de ata 10 meses para poder renovar o pasaporte ou sen poder rexistrar aos seus fillos", apunta.
O deputado do Bloque lembra que o pasado 14 de marzo declarouse unha folga xeral indefinida por parte do persoal funcionario de todas as oficinas do Ministerio de Asuntos Exteriores para reclamar melloras nas súas condicións laborais e adaptalas á situación do Reino Unido tras o Brexit que "paralizou a actividade durante máis dun mes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.