As mulleres son cada vez máis xogadoras de videoxogos

É a conclusión dunha enquisa elaborada por EAE Business School que asegura que elas xa son a metade da poboación xogadora.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Un estudo sobre xogo, eSports e Streaming dende unha perspectiva de xénero vén de revelar que o 90% das mulleres enquisadas afirma xogar a videoxogos, ata converterse xa na metade da poboación xogadora. Elaboradas por EAE Business School, unha primeira enquisa preguntou a 500 mulleres do estado de 18 a 30 anos a súa relación co xogo, e unha segunda enquisa tivo como foco estudantado de todos os xéneros. 

Persoa xogando a un videoxogo
Persoa xogando a un videoxogo | Fonte: EP

"Na primeira, o 83% das enquisadas afirmou consumir videoxogos, e do 17% das que non o fan, o 80,23% asegura que xogaría se houbese outra oferta de videoxogos", explica a entidade enquisadora. Esta tendencia tamén se obtén na segunda enquisa, na que o 90% das mulleres afirma xogar a videoxogos, mentres que os homes fano no 91% dos casos e as persoas identificadas con outros xéneros nun 72%.

"Aínda que o gaming foi un sector masculino nos seus inicios, as mulleres foron aumentando a súa participación ata converterse na metade da poboación xogadora. Mesmo a nivel profesional, cada vez hai máis referentes mulleres en equipos, en distintas tarefas asociadas á produción de videoxogos e na xestión de empresas vinculadas ao sector dos eSports", explica a autora do informe, Carina Mellit. "A pesar diso", prosegue, "segue habendo casos de mulleres que se senten marxinadas ou mesmo acosadas especialmente como xogadoras".

Na enquisa realizada por EAE tamén se preguntou polo dispositivo máis usado hoxe en día para xogar a videoxogos. En primeira posición atópase o computador (76,57%), seguido das videoconsolas cun 22,99%. Os móbiles só o usan de forma habitual o 17,35%, pero obtén un 65,29% no uso ocasional que, tal e como indica Mellit, podería estar relacionado coa súa utilización fóra de casa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta