Os médicos avisan: "Non pode atender a 100 pacientes ao día"

CESM asegura que o persoal "está esgotado" e teme que "a maioría dos facultativos non acepte" a ampliación de xornada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2022 | Actualizada ás 09:59

Comparte esta noticia

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) considera que a medida anunciada recentemente pola Xunta para pagar un plus aos facultativos de Atención Primaria que absorban cotas doutros compañeiros por vacacións, baixas ou libranzas coa ampliación da súa xornada "non é unha solución", porque "un médico non pode atender a 100 pacientes ao día".

Así o trasladou nun comunicado de prensa, no que este sindicato médico valora a medida, pero vea "claramente insuficiente", porque "en realidade supón unha subida de 13 euros respecto ao exiguo plus que xa tiña quen dobraba quenda".

Por iso, teme "que a maioría dos profesionais non aceptarán esta proposta porque, entre outras razóns, están esgotados, e trátase dunha medida que suporá un gran aforro para a Xunta porque o que fai realmente é deixar de cubrir diversos permisos dos facultativos con máis persoal".

Ademais do "cansazo físico e sicolóxico que veñen soportando desde o inicio da pandemia", CESM explica que esta prolongación de xornada "supón un esforzo tremendo e unha asunción de responsabilidade enorme", xa que, indica "esa ampliación de xornada de traballo, ademais de atender a axenda dos seus compañeiros tamén terán que resolver as situacións de urxencias que se presenten".

A central sindical entende que con este plus que se abona "moi por baixo do que se paga noutros traballos de responsabilidade", non se recoñece, ao seu xuízo, "o labor extraordinario que os facultativos realizan", posto que, esgrime, "o que se fai en realidade é pagar por un aumento de carga laboral -horas extraordinarias ou sobrecarga de traballo- como en calquera empresa, e non pagar por ese esforzo e dedicación sería ilegal e ata rozaría a escravitude".

"ÚNICA SOLUCIÓN"

CESM Galicia apunta que "a única solución a este problema" que arrastra a sanidade desde hai anos "é a ampliación dos recursos humanos". "Pero para que os profesionais queden no Sergas e non busquen alternativas na sanidade privada ou noutros países onde son moito máis recoñecidos profesional e economicamente, é necesario incentivalos", insiste.

Para iso, propón "listas pechadas cun tope de pacientes aos que dedicar polo menos 10 minutos por consulta; un recoñecemento profesional que a administración lle negou sen motivo algún; unha atractiva remuneración e a posibilidade de conciliar vida laboral e familiar".

"Os médicos non están dispostos a vender a súa saúde nin a dos seus pacientes prolongando a súa xornada laboral, coa sobrecarga de traballo que iso supón e a responsabilidade que se asume ao ter que diagnosticar e tratar con tan escaso tempo aos cidadáns", advirte este sindicato.

Centro de Saúde en Galicia.. EUROPA PRESS - Arquivo
Centro de Saúde en Galicia.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta