Formoso denuncia os "malos tratos" da Xunta ao colectivo de enfermaría

O líder socialista non cre que a caída do PSOE en Andalucía e o "efecto Feijóo" vaian ter impacto nas municipais en Galicia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/06/2022 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, denunciou este martes en Ourense a situación "precaria" e de "malos tratos" ao colectivo de enfermaría a pesar do seu carácter "estratéxico" no sistema sanitario galego e pediu melloras e un incremento no orzamento de atención primaria.

Nunha visita ao centro de saúde Valle Inclán de Ourense, Formoso esixiu que a Xunta respecte a este persoal que, segundo denunciou, sofre unha situación de "malos tratos laborais" ao asumir unha sobrecarga de traballo "inasumible", con "prolongacións de xornadas non retribuídas que provocan a perda da calidade na atención sanitaria".

Na súa visita a Ourense, Formoso interesouse polas condicións de traballo dos profesionais do sector acompañado polo secretario provincial da formación, Rafael Rodríguez Villarino; a responsable local do partido na cidade, Natalia González e a parlamentaria Carmen Dacosta.

Na súa intervención, explicou que os profesionais da enfermaría teñen asignados unha media de 1.600 cartóns sanitarios cando o cociente está establecido polo Ministerio de Sanidade en 1.000. Ademais, puxo de exemplo o Hospital de Ourense, onde asegurou que "atenden ata 16 pacientes á vez, o dobre dunha asignación considerada segura e de calidade, que é de 8".

"Esa sobrecarga xera desmotivación e redunda nunha peor calidade do servizo", incidiu Formoso, que aseverou que estes feitos "contradín o que afirma o presidente da Xunta porque si se trata dunha cuestión de diñeiro". "Trátase de motivación, de dar estabilidade contra a precariedade a profesionais contratados por días e mesmo en caso por horas", insistiu.

Para Formoso, a consecuencia directa é que "o 30%" dos e as profesionais se dan de baixa nas listas de espera para ser contratados, "buscando destinos mellores" noutros territorios e mesmo en centros privados. Así as cousas, volveu solicitar que o Goberno autonómico incremente en 140 millóns de euros o orzamento para Atención Primaria o próximo ano, para situarse en "sintonía" co resto de Comunidades Autónomas, porque segundo expuxo, "todas e cada unha delas están a gastar un 10% máis en atención primaria fóra da Xunta que gasta neste exercicio un 1,9% menos".

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha visita a Ourense acompañado do líder provincial do partido, Rafael Rodríguez Villarino
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha visita a Ourense acompañado do líder provincial do partido, Rafael Rodríguez Villarino | Fonte: PSdeG.

ELECCIÓNS EN ANDALUCÍA

O secretario xeral do PSdeG recoñeceu, ademais, un resultado "malo" do PSOE co candidato Juan Espadas nas eleccións de Andalucía do domingo, pero asegura non sentir preocupación de cara ás municipais de maio do 2023.

Formoso argumentou que foi alcalde das Pontes durante 14 anos, presidente da Deputación da Coruña durante sete e líder do Partido Socialista na mesma provincia durante seis, polo que estivo en "distintos procesos electorais e a cidadanía sabe distinguilos". Deste xeito, xustificou que os locais son uns comicios "onde o factor persoal, o factor do proxecto e da lista electoral claramente condiciona".

Por iso, aínda que o resultado en Andalucía para a formación "foi malo", Formoso advertiu de que aínda queda "un ano para que se reverta" e insistiu en que "non lle preocupa" de cara a maio do 2023.

Neste mesmo sentido, negou a preocupación porque exista "un 'efecto Feijóo'". "O que importa son as caras, o que importan son os nomes, son as referencias institucionais e persoais que uno poida presentar na lista electoral", aseverou Formoso, facendo fincapé na importancia dunha "mensaxe de ilusión á cidadanía".

Tamén en clave municipal, o secretario xeral do PSdeG trasladou que para coñecer os candidatos haberá que esperar ata despois do verán, porque antes hai que "aprobar o ordenamento de primarias". Iso si, "seguirán os mesmos prazos que en eleccións anteriores", confirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta