Os MIR "foxen en desbandada porque non aceptan traballar sen límite" replica o BNG á Xunta

Segundo a deputada Montse Prado, os datos sobre o MIR na Comunidade "desmontan" o relato do Goberno galego sobre a falta de facultativos. E é que, ás nove prazas que quedaron sen cubrir na última convocatoria, hai que sumar "a fuga" das que están en formación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2022 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Sanidade, Montse Prado, respondeu á Xunta e ao PPdeG que en Galicia, concretamente en Atención Primaria, os médicos en formación MIR "foxen en desbandada porque non aceptan traballar sen límite, sen calidade na atención e con risco para a súa saúde e para a dos pacientes".

Segundo a dirixente nacionalista, os datos sobre o MIR na Comunidade "desmontan" o relato do Goberno galego sobre a falta de facultativos. E é que, ás nove prazas que quedaron sen cubrir na última convocatoria, hai que sumar "a fuga" das que están en formación.

"Dos 11 MIR que acaban en Compostela, só dous optan a quedar na Atención Primaria; dos 23 en Vigo, só 10; dos 18 da Coruña, só sete; dos 11 de Ourense, só dous; dos 10 de Lugo, cinco; ou só tres dos cinco de Ferrol", detallou Prado.

Todo iso é culpa, explicou a deputada do BNG, de que o PP "xa non consegue tapar con propaganda a situación dramática" na que se atopa a Atención Primaria: "Que pregunten aos miles de galegos e galegas que non teñen médico asignado, aos que teñen que esperar semanas para ter unha cita, aos case 200.000 que esperan por unha primeira consulta hospitalaria", aos 40.000 que esperan por unha intervención cirúrxica".

Esta situación, xunto a profesionais que esstán "exhaustos", demostran que a realidade "é que a continuidade asistencial está seriamente ameazada" e "a situación non vai facer máis que empeorar polos centos de pediatras, médicos e médicas e profesionais de enfermaría que se van a xubilar nos próximos anos".

Fronte a todo iso, o BNG propón á Xunta incrementar o orzamento en Atención Primaria cun plan de choque de 200 millóns de euros, pór en marcha unha estratexia de captación e retención de persoal "con ofertas atractivas e competitivas" e incorporar novas categorías, entre elas psicólogos clínicos, terapeutas ocupacionais e podólogos.

ILLA DA CREBA

Por outra banda, o Bloque rexistrou no Congreso iniciativas para reclamar ao Goberno central que adopte as accións precisas para recuperar para o uso público a Illa da Creba, pertencente ao municipio de Muros, dada a súa situación en dominio público marítimo-terrestre.

En concreto, o deputado do BNG, Néstor Rego, pregunta sobre a realización de obras por parte dun particular neste enclave e sobre as medidas adoptadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Bng Desmonta Relato Pp Con Datos Mir Que Confirman Fuga Profesionais Atención Primaria E Propón Alternativas (Audio). BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Bng Desmonta Relato Pp Con Datos Mir Que Confirman Fuga Profesionais Atención Primaria E Propón Alternativas (Audio). BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta