A Xunta apela a "espremer" o que resta de Xacobeo e asegura que "Galicia está de moda"

O país alcanzará en xuño as cifras de peregrinos de xullo de 2019, segundo Rueda.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2022 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

Galicia alcanzará antes de que termine este mes de xuño as cifras de peregrinos rexistradas en xullo de 2019, segundo asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O mandatario autonómico fixo estas declaracións durante unha parada en Caldas de Reis durante a súa peregrinación a Santiago en bicicleta pola ruta portuguesa, iniciada o pasado xoves.

Rueda, que recoñeceu perder "a conta" do número de veces que realizou o Camiño, apuntou que este mes de xuño se chegará ás cifras de xullo de 2019, ano de marcas e último verán prepandemia. O presidente subliñou a relevancia deste fito, dado que xuño "non é un mes de tantas vacacións" como o é xullo, polo que interpretou que as cifras apuntan a unha recuperación do peregrino internacional.

"Galicia está de moda e temos que espremer este ano Xacobeo", aseverou Rueda, que espera chegar este sábado a Santiago e non descarta estender a ruta ata Muxía. "Temos por diante moitos anos de Xacobeo, de moitos peregrinos, de seguir traendo moita xente a Galicia", engadiu o mandatario autonómico antes de manifestar a súa satisfacción por ver "cada vez máis negocios privados" nas rutas promovidos por "xente nova" en lugares nos que "antes non había actividade".

"Queremos que a final deste ano o Xacobeo supoña case 2 puntos do noso PIB. E creo que se seguimos así, será mesmo máis", continuou para, a continuación, proclamar que "o Camiño engancha e, cando o fas, repites".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao seu paso por Caldas de Reis mentres fai o Camiño en bicicleta. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao seu paso por Caldas de Reis mentres fai o Camiño en bicicleta. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta