Temas: FERROL XUNTA PP PSOE

O Concello de Ferrol acusa o PP de facer un "uso partidista" da delegación da Xunta e tela "para a foto"

Asegura que tenta "prexudicar a imaxe do Concello do que formou parte durante once anos"

Por E.P. | Ferrol | 04/07/2022 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

O portavoz do goberno local, Julián Reina (PSOE), acusou este luns o Partido Popular de facer un "uso partidista" da delegación territorial da Xunta en Ferrol, a cuxa responsable, Martina Aneiros, sinalou por "tentar manchar a imaxe do Concello do que formou parte durante os últimos once anos".

Martina Aneiros
Martina Aneiros | Fonte: PP.

Reina destacou que a de Ferrol é unha "delegación sen competencias" que forma parte dunha "estratexia electoral" do portavoz do PP, José Manuel Rey Varela, para "desgastar o goberno municipal". Ademais, aludiu a Martina Aneiros, como "delegada da Xunta para a foto".

O edil socialista referiuse en concreto á visita da delegada ao barrio de Ferrol Vello o pasado xoves, na que estaba presente ademais o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea. "Non teño claro que pintaba alí e creo que é un mal asunto se confundimos o partido no que militamos coa institución á que representamos", apuntou.

Reina respondeu tras a Xunta de Goberno Local ás críticas de Aneiros sinalando o Concello como responsables de que a Xunta non poida executar investimentos no barrio "por falta de licenzas".

Así, por exemplo, con respecto ao albergue de peregrinos lembrou que esas mesmas declaracións producíronse "tres días despois de que a Xunta presentase a documentación completa", cando o Concello, dixo, "tivo que requirir ata en dúas ocasións que pagasen as autoliquidacións". "Fai máis dun mes que contan cos informes favorables e a obra non empeza, así que non será culpa deste Concello", apuntou.

LEALDADE

En canto ás actuacións do Plan Rexurbe de Ferrol Vello, Julián Reina afirmou que no caso do edificio de Argüelles "un ano e tres meses despois de que dixesen que estaba listo segue baleiro" e que en dous inmobles da rúa Curuxeiras estase á espera de que a Xunta "conteste os requirimentos". Noutros casos, dixo, falta a autorización de Patrimonio Cultural, que "non depende deste Concello, senón da Xunta", ou non se presentou o proxecto definitivo.

"A lealdade institucional debe rexer o trato entre administracións", asegurou o portavoz do goberno local, que acusou o líder do PP que co seu voto no último pleno deixase " a Ferrol sen Plan de Mobilidade, impedindo así que o Concello poida facer uso de 1,7 millóns de fondos europeos". Ademais, subliñou que o PSOE, con 8 concelleiros, "investiu dous millóns máis en tres anos que o PP en catro e con maioría absoluta".

Temas: FERROL XUNTA PP PSOE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta