O Goberno presiona á UE contra o veto á pesca de fondo e pide "un diálogo sincero" co sector

Luis Planas reúnese este mércores en Burela con representantes do sector pesqueiro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2022 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

O ministro de Agriculutra, Pesca e Alimentación, Luis Planas, destacou que o Goberno de España está "a presionar", xunto con outros estados membros, á Comisión Europea contra o veto á pesca de fondo en 94 áreas de augas comunitarias.

Nunha entrevista concedida á TVG e recollida por Europa Press, o ministro asegurou compartir a protesta do sector contra esta prohibición, un rexeitamento explicitado na xornada do martes por unha trintena de asociacións pesqueiras nun manifesto.

"Coñecín este manifesto e moitas das ideas compártoas", sostivo o ministro, que deixou claro que se está xa nunha "pesca sustentable". "Todos os nosos pescadores levan a cabo unha pesca sustentable, porque é necesario para o futuro dos stocks, cada ano temos uns TAC e unha cota, pero evidentemente tamén temos que reproducir biolóxicamente o stock", dixo.

Neste sentido, asegurou entender e compartir o rexeitamento do sector e sinalou que el mesmo protestou na Comisión Europea a este respecto e que España votou en contra, xunto con Irlanda --outros nove países abstivéronse--, sobre a posibilidade de vetar a pesca en determinadas áreas que son consideradas vulnerables.

"Nós non estamos de acordo, porque cremos que fai falta un diálogo sincero co sector que non se produciu por parte da Comisión Europea e tamén os Estados membros, particularmente no meu caso, en nome de España", apuntou. O ministro destacou que España está "a favor da protección dos mares e os océanos" pero deixou claro que iso ten que "ser compatible cunha actividade pesqueira que sexa rendible".

AXUDAS AO SECTOR POLA ALZA DE PREZOS

Na entrevista, ademais, o ministro destacou que uns "4.000 buques" galegos beneficiáronse das axudas do Goberno de España para facer fronte ao incremento dos prezos, un conxunto de apoios nos que a Administración estatal leva investidos uns "76 millóns de euros".

Ademais citou a prórroga ata final de ano do desconto de 20 céntimos ao litro do gasóleo e indicou tamén que o Goberno traballa, tamén con cargo ao FEMPA, na instrución dos expedientes para lograr novas axudas e compensar o incremento dos custos. "Espero que ao longo deste verán podamos instrumentar estas axudas para pagalas canto antes", indicou.

REUNIÓN EN BURELA

Precisamente este mércores, o ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación visita Galicia, onde se reunirá en Burela con representantes do sector pesqueiro.

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, comparecen tras a reunión do Consello de Ministros / Alberto Ortega - Europa Press / Europa Press
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, comparecen tras a reunión do Consello de Ministros / Alberto Ortega - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta