Por gcdeportes | Ourense | 19/08/2014 | Actualizada ás 09:13
Un rookie (Chase Fieler), un tirador cortado o ano pasado no Cholet (Tyler Brown) e agora un pivote inglés que levaba dous anos sen xogar de xeito profesional. Ben Allison, de 2,06 e 26 anos, é a cuarta fichaxe do Club Ourense Baloncesto, e o segundo home interior tras Fieler.
O xogador, tralo paso pola Universidade de Davidson no 2011, adicouse a negocios inmobiliarios e ao xornalismo en Charlotte. Fíxose autodidacta para o baloncesto, con adestradores persoais. Este verán, unha versión mellorada de Allison participou na Eurobasket Summer League, organizada en León por Jesús Sala.
Segundo o COB Ourense, chamou a atención dos técnicos: pick&roll, primeiro paso, tiro de media distancia e un físico importante. Firmou 14,4 puntos, 7,4 rebotes e 1.2 tapóns.
Preguntado pola súa inactividade, Allison apunta: “Tiña que mellorar para ser xogador profesional e coido que agora é o momento de facelo. Espero demostralo en Ourense”.
O adestrador cobista, Gonzalo García de Vitoria, asume o risco: “É verdade que levaba dous anos sen xogar, pero como el mesmo dixo, adicouse nese tempo a mellorar o seu xogo e o seu físico para estar preparado. En León convenceunos a todos de que merecía unha oportunidade”.
García de Vitoria destaca a polivalencia de Stiller: de cara ao aro, de costas, tiro de tres, físico para defender xogadores fortes, capacidade de salto... “A todo isto hai que sumar o seu interés por estar aquí e a fame que ten por aproveitar esta oportunidade. Creo que Ben non defraudará”.
Co base Pedro Rivero, que tiña contrato un ano máis, e as catro fichaxes (Taylor Brown, Chase Fieler, Marcos Suka-Umu e Ben Allison), o COB Ourense ten xa medio plantel para a 2014-15. O club podería anunciar nas vindeiras horas a renovación de Edu Martínez, polo que faltarían catro xogadores máis. Corre certa présa: o 25 de agosto principian os adestramentos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.