O PSdeG promoverá unha declaración institucional contra o veto á pesca de fondo

A deputada Patricia Otero apela a facer unha "fronte común" de administracións e comunidades autónomas ante a intención das autoridades europeas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2022 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O PSdeG promoverá unha declaración institucional no Parlamento de Galicia contra o veto á pesca de fondo por parte da Comisión Europea, xa que o considera un "agravio" ao sector pesqueiro galego. 

Patricia Otero (PSdeG) na comisión de Pesca. PSDEG
Patricia Otero (PSdeG) na comisión de Pesca. PSDEG | Fonte: Europa Press

"Parece que quere aniquilar a pesca dunha maneira moi evidente", sinalou nun comunicado a deputada socialista Patricia Otero, que apelou a facer unha "fronte común" de administracións e comunidades autónomas ante a intención das autoridades europeas.

Así as cousas, o PSdeG quere solicitar o apoio institucional da Cámara autonómica en defensa do sector pesqueiro para demandar á CE que "recapacite" sobre os seus plans sobre a pesca de fondo. 

Otero puxo o acento no impacto que tería esta medida na frota galega e demandou que calquera paso se apoie en "informes técnicos e científicos" e conte "cun verdadeiro estudo de impacto socioeconómico para ver o calado real desta prohibición no sector pesqueiro".

Os socialistas subliñan que a postura do Goberno de España é contraria a esta medida, como explicitou o ministro de Pesca, Luís Planas, nunha visita a Burela o pasado mércores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta