Críticas da oposición á CRTVG pola súa cobertura da actualidade política e non cumprir como servizo público

O responsable da radiotelevisión galega, Alfonso Sánchez Izquierdo, subliñou que o pasado ano foi un exercicio de "recuperación", tanto no plano de produción propia como no da colaboración co sector audiovisual galego, despois dun 2020 marcado pola crise sanitaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2022 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

A Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) recuperou no ano 2021 os niveis de produción de 2019, exercicio previo á pandemia que modificou o funcionamento do ente público e obrigou a realizar "un exhaustivo control dos termos de saúde laboral" para "protexer o servizo e a saúde dos seus traballadores".

Así o resaltou o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, durante a súa comparecencia na comisión permanente da CRTVG do Parlamento galego, onde este venres presentou a memoria de servizo público do ano 2021, que recibiu as críticas da oposición --BNG e PSdeG-- polo "desprezo" cara á pluralidade política que ven nuns medios públicos "a servizo do Partido Popular".

O responsable da radiotelevisión galega subliñou que o pasado ano foi un exercicio de "recuperación", tanto no plano de produción propia como no da colaboración co sector audiovisual galego, despois dun 2020 marcado pola crise sanitaria.

A actividade da CRTVG virou, segundo Sánchez Izquierdo, ao redor de catro eixos que vertebran a súa acción de "servizo público": "produción", "tracción do sector audiovisual", "adaptación aos novos modelos de produción e emisión" e, por último, a "correcta emisión de datos e eficiencia"--.

Deste xeito, destacou a "consolidación" do modelo multimedia na redacción de informativos e o impulso dos contidos por Internet e redes sociais grazas á creación do portal 'g24.gal', así como a "ampliación" ao fin de semana de espazos informativos como o 'Galicia Noticias' ou o 'Bos días'. No ámbito cultural, sinalou a creación da páxina web de 'Diario Cultural' ou o mantemento do espazo 'Zig Zag' o sete días da semana; á vez que valorou que o 94% dos contidos da CRTVG "son producidos en Galicia".

Destes, "en torno ao 50%" son de produción propia, como o programa 'Clac' sobre cinema galego ou 'Feminino singular', de "corte social" e centrado na igualdade. En ficción, dixo que o obxectivo é "buscar novos formatos que se adapten aos hábitos de consumo", polo que resaltou que algunhas series como 'Método criminal' estreasen os seus capítulos antes en plataformas dixitais que na televisión convencional.

En deportes, Sánchez Izquierdo apuntou á posta en marcha da estratexia 'Galicia En Xogo', inspirada nos dous buques insignia da cobertura deportiva galega --'Galicia en Goles' en radio e En Xogo en televisión--. Ao amparo deste programa, a CRTVG adquiriu os dereitos de emisión de varias disciplinas deportivas de carácter "tradicional", como a billarda, o fútbol gaélico, as traiñeiras ou as carreiras populares.

'DÍGOCHO EU', "IMPACTO ASIMILABLE" AO XABARÍN

Sánchez Izquierdo sacou peito dos novos contidos para redes sociais, unha das apostas da estratexia do ente público que ten como referencia a iniciativa 'Dígocho eu', centrada na promoción da lingua galega, especialmente, entre os máis novos.

Segundo o director da CRTVG, 'Dígocho eu' é "o proxecto de máis impacto sobre a lingua galega da última década" e ten unha proxección sobre a mocidade que é "asimilable" ao que tivo o Xabarín Club, espazo de referencia durante a década de 1990 para o público infantil.

AUDIENCIAS

Así as cousas, segundo os datos expostos por Sánchez Izquierdo, "máis dun millón de galegos contacta diariamente" coa CRTVG, ben escoitando a Radio Galega (200.000 oíntes diarios) ou vendo a televisión (700.000 persoas de audiencia).

Os servizos informativos da TVG concentran ao 19,2% do 'share', mentres que os contidos ofrecidos en 'prime time' alcanzaron en 2021 o 10,6%, unha cifra que "mellora" os datos de 2020.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

"O seu servizo non ten nada que ver co servizo público, ten que ver co servizo ao goberno", espetou a deputada do BNG Alexandra Fernández durante a súa quenda de intervención, unha crítica sobre a pluralidade informativa do ente público na que tamén coincidiu a socialista Noa Díaz, que quixo ilustrar a súa postura coa cobertura da primeira reunión cos líderes da oposición do novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Segundo Díaz, os servizos informativos da TVG dedicaron nove minutos a Rueda e "só 40 segundos" ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. "Iso non é pluralidade informativa", incidiu Díaz.

"Agora non só ten que dedicarlle tempo e esforzo ao presidente da Xunta, senón que tamén a Feijóo como líder da oposición", remarcou Fernández, quen lamentou que os servizos informativos, segundo reflicten os seus escaletas, dedican "un tres cortes ao día" ao líder do PP nacional que carece de poder institucional mentres "silencia" a actividade dos grupos da oposición en Galicia.

Ademais, a deputada nacionalista tamén demandou maior pluralidade nos faladoiros de actualidade da CRTVG, unha crítica que foi replicada por Sánchez Izquierdo, quen asegurou que se segue unha liña proporcional na repartición dos participantes nos debates. "Do catro tertulianos, sempre hai dous dunha liña e outros dous doutra. Non hai esa proporcionalidade nin de preto noutros medios", aseverou o director do ente público.

A oposición valeuse da sentenza contra o traballador Carlos Jiménez por vulnerar a súa liberdade de expresión despois de que fixese público o seu apoio aos 'Venres negros', que desde 2018 denuncian a "manipulación" na CRTVG.

Segundo Sánchez Izquierdo, o fallo xudicial "non di que se fixese un proceso de persecución e represalias laborais" senón que "di que a empresa non puido acreditar que non o fixese". "Son cousas moi distintas", apostilou.

Outro das críticas foron para a reportaxe emitida sobre a visita do rei emérito Juan Carlos I a Sanxenxo no mes de maio, un traballo que a oposición cualificou de "lamentable" e que ven un intento por "blanquear" a imaxe "dun corrupto".

Na súa resposta, Sánchez Izquierdo defendeu esta reportaxe porque "non estaba enfocado" ao prisma informativo senón que era "en clave social" sobre a reacción a unha visita de "un personaxe que pode gustar máis ou menos".

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. CAPTURA (PARLAMENTO DE GALICIA)
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. CAPTURA (PARLAMENTO DE GALICIA) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ricardo R.

Polo peche da Telegaita xa.