Titores de enfermaría de familia ameazan con dimitir ante a indiferenza do SERGAS sobre o sector

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) lamenta que a Consellería de Sanidade desbote o seu esforzo en formar novos especialistas por non fidelizalos en postos estruturais dos Centros de Saúde.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/07/2022 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

Os enfermeiros titores de enfermaría familiar e comunitaria, responsables da formación dos actuais e futuros especialistas enfermeiros da Atención Primaria, veñen de remitir á Consellería de Sanidade e á Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (ACIS) a súa desconformidade coas accións e políticas actuais do SERGAS e a propia Axencia. Resaltan problemas na “fichaxe” e fidelización destes profesionais, desaproveitamento do investimento realizado neles e petición de máis recursos para a súa formación.

Persoal de enfermaría fornece unha vacina contra a gripe na campaña de 2020, en plena pandemia polo coronavirus. Covid-19
Persoal de enfermaría fornece unha vacina contra a gripe na campaña de 2020, en plena pandemia polo coronavirus. Covid-19 | Fonte: Europa Press.

Nas cartas remitidas polos titores, que forman a estes profesionais especialistas dende as diferentes Unidades Docentes de Galicia, poñen de manifesto o seu compromiso coa Atención Primaria e co Sistema Sanitario Público, xa que realizan este traballo “de xeito altruísta, non remunerado e escasamente recoñecido”. Lembran á Consellería de Sanidade o esforzo que realizaron para acreditar e poñer en marcha as Unidades Docentes, con escaso apoio institucional en moitas ocasións.

Resaltan que, “este grao de implicación e compromiso é froito do noso convencemento como enfermeiras de Atención Primaria, onde queremos prestar uns coidados de calidade á nosa poboación e onde só se pode facer con profesionais especializados, cunha formación formal, regrada e cun método de ensinanza que xa está demostrando aportar un valor extraordinario na asistencia” en referencia ao liderado dos equipos de vacinación fronte a COVID19, así como o liderado dos Centros de Saúde nos momentos máis difíciles da pandemia.

Os titores lamentan que a Consellería de Sanidade non “fiche” e fidelice a estes profesionais mediante prazas estruturais no sistema (de inmediato, con interinidades en prazas vacantes, para posterior oferta en OPE). Segundo os datos da AGEFEC, neste momento hai 50 enfermeiros especialistas de familia e comunitaria sen ocos estruturais nos Centros de Saúde , é dicir, que están con contratos precarios no sistema de saúde e, na maior parte das veces, fóra do ámbito da especialidade na que o propio SERGAS investiu cuantiosos recursos económicos (60.000 euros/especialista) e humanos (tempo, dedicación e esforzo dos titores). Porén, en setembro deste ano engadiranse aos anteriores, preto de 50 novos especialistas, sen trazas de que a Consellería de Sanidade adopte medidas de fidelización destes novos profesionais.

Para a Presidenta da AGEFEC, Gemma Rodríguez, “se a Consellería quere afrontar de verdade os problemas da Atención Primaria e o déficit de profesionais, ten neste momento nas súas mans a posibilidade de crear 100 novos postos de enfermeiro especialista de familia e gañar 100 novos profesionais, para dar respostas aos problemas da poboación nos Centros de Saúde de Galicia”. Dende AGEFEC tamén se destaca que “se verdadeiramente se están a investir tódolos recursos da Consellería na Atención Primaria, pódense crear esas prazas mañá mesmo, do contrario estase enganando á poboación”.

Outra das queixas que formulan os titores vai en relación cun curso de actualización en Atención Primaria de 200 horas online, que a Consellería de Sanidade pretende organizar xunto a Universidade de Santiago, para que as enfermeiras o realicen fóra do seu horario laboral. Dende AGEFEC resáltase que é unha proposta inadecuada, xa que este tipo de formación debe ser realizada en horario laboral, presencial e no propio centro de traballo. Asemade, preténdese gastar máis diñeiro, sen amortizar o investimento nos xa formados e dispoñibles, malgastando recursos.

Por todo elo, considérase que o máis eficiente sería facelo dende a propia ACIS, sen intermediarios, xa que se dispoñen dos medios e tódolos recursos necesarios para facelo dende o propio SERGAS, e sen malgastar o diñeiro dos impostos dos cidadáns. Lamentan que se pretenda perder diñeiro en trámites burocráticos, e que non se utilicen eses recursos para mellorar as condicións precarias das Unidades Docentes e fortalecer a formación teórica dos futuros especialistas. Dende a Xunta Directiva da Sociedade Científica resáltase que “parece que todo o diñeiro que se di investir na Atención Primaria pérdese polo camiño”.

Dende o conxunto de toda a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria móstrase o apoio incondicional aos titores dos futuros enfermeiros especialistas de familia, solicitando á Consellería de Sanidade e ó SERGAS que fidelicen canto antes aos especialistas dispoñibles e que se melloren os recursos para a formación destes futuros profesionais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta