Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2022 | Actualizada ás 17:35
Segundo os datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2020 e publicadas polo Ministerio de Cultura, Galicia conta cun total de 312 bibliotecas, isto é, 17 menos ca no ano anterior. Ademais, 99 concellos non dispoñen de servizo bibliotecario e tan só 29,43% da poboación galega usa estes esazos. Galicia destina, así mesmo, un total de nove euros por habitante ás bibliotecas, 1,64€ menos que no conxunto do estado (10,64€). As estatísticas tamén reflicten que dende o ano 2016 hai un total de 39 persoas menos traballando nas bibliotecas públicas galegas.
Dende a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia destacan que Galicia se atopa, coma en anos anteriores, por debaixo da media estatal en todos os indicadores agás en dous parámetros: no número de documentos por habitante e no número de documentos adquiridos por habitantes. Máis alá destes únicos dous datos positivos, e de valorar as incorporacións de bibliotecas ao Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas, a asociación novamente fai fincapé na "necesidade de mellorar as partidas orzamentarias" e no "necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos", ademais de paliar a "inestabilidade laboral".
"Seguimos atopando casuísticas habituais de contratación de persoal non especializado, ademais de compartir prazas con outros servizos municipais ou recorrer a persoal doutros servizos para cubrir os postos", denuncian nun comunicado, no que engaden que "non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido".
A asociación aposta por desenvolver e aplicar ferramentas de planificación sobre os recursos e pide á Xunta de Galicia "velar polo correcto desenvolvemento e xestión dos servizos bibliotecarios municipais, respectando a potestade organizativa dos concellos, pero primando sempre a prestación de servizos de calidade". Os datos, segundo explican, mostran tamén unha "gran dispersión e perda de poboación" que dificulta que os concellos rurais, pequenos e despoboados, poidan prestar servizos de calidade.
Con respecto ás situacións bibliotecarias por provincia, só a da Coruña presta un bo servizo á súa poboación, por encima da media estatal en todos os indicadores. A provincia de Pontevedra cae moitos puntos debido principalmente á "precaria situación bibliotecaria do concello de Vigo", indica a asociación. Da mesma maneira, as provincias máis despoboadas e avellentadas, Lugo e Ourense, están entre as últimas en servizos bibliotecarios por non poderen os seus concellos, por si mesmos e sen axuda das deputacións, contar con servizos bibliotecarios.
A asociación salienta o caso da provincia de Ourense, onde só 39 concellos (de 92) dispoñen de bibliotecas e 53 concellos da provincia non teñen servizo. No caso do resto das provincias, A Coruña conta con 10 concellos sen biblioteca; Lugo con 27; e Pontevedra con 9. "Nestes concellos sen biblioteca encontramos casuísticas diferentes: desde as que están pechadas temporalmente por obras, as que non completaron as estatísticas e as que, definitivamente, non contan con servizo bibliotecario".
Por último, a asociación ve unha boa medida para paliar a falta de servizos o anuncio realizado en xullo de 2022 de poñer en marcha servizos de bibliotecas móbiles en comarcas das provincias de Lugo e Ourense é unha boa medida, mais non entrarán a valorar o seu resultado ata teren datos dentro de varios anos, aseguran.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.