A Xunta cubrirá o 100% do custo da restauración de casas queimadas, ata 122.000€, se son primeira residencia

Serán prioritarias as axudas a vivendas destruídas ou moi danadas polos incendios.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/07/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou un decreto paraugas que habilita ás consellerías afectadas para porse a traballar nas distintas convocatorias co fin de prestar axuda aos cidadáns que sufriron a vaga de incendios, co foco, en primeiro termo, en quen viron destruídas ou moi danadas as súas vivendas.

Incendio forestal en Quiroga (Lugo)
Incendio forestal en Quiroga (Lugo) | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Aínda que o detalle se coñecerá en próximos días --as convocatorias previsiblemente estarán listas para a reunión do Goberno do próximo xoves--, Rueda avanzou que a Xunta estará en condicións de cubrir o 100% do custo de reconstruír as vivendas afectadas polo lume ata 122.000 euros se son primeira residencia.

Se o inmoble destruído é unha segunda vivenda, o máximo que se cubrirá ascenderá a 61.200. Estas axudas serán compatibles cos seguros de fogar e subvencións que poidan pór en marcha outras administracións --os concellos de Valdeorras máis afectados, por exemplo, solicitarán ao Goberno a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de Protección Civil, a antiga zona catastrófica--.

As axudas da Xunta serán máis amplas, en todo caso, e tamén se habilitará crédito para reparar establecementos comerciais ou afrontar os gastos de explotacións agrícolas e instalacións municipais afectadas, como poden ser as traídas de auga.

DANOS A CUBRIR E CONTÍAS

As axudas contemplan os danos persoais sufridos, no seu caso, así como os causados en vivendas e enxoval domésticos, e tamén en instalacións complementarias, dentro das que se inclúen pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, así como instalacións eléctricas e de iluminación, e de telecomunicacións. Así mesmo, tamén se entenderá como construción ou instalación complementaria o peche preexistente da leira na que estea a vivenda.

En concreto, en caso de vivenda habitual, poderase cubrir o 100% do custo da reposición ou reparación, tanto do edificio principal como das instalacións complementarias, cun máximo de 122.400 euros. Se era unha vivenda non permanente nin habitual, concederase cun máximo de 61.200 euros.

Mentres, para cubrir os danos sufridos polo enxoval doméstico de primeira necesidade, nas primeiras vivendas financiarase ata o 100% dos gastos: se están ruinosas, cun máximo de 15.000 euros; se non o están, cun máximo de 7.000 euros. Nas vivendas que non sexan permanentes nin habituais cubrirase o 50% dos estragos no enxoval: se están ruinosas, cun máximo de 5.000 euros; se non o están, cun máximo de 3.000 euros.

O dato das vivendas afectadas aínda non está pechado, pero a Xunta sitúa na contorna dos 85 os inmobles afectados, pendente de determinar a tipoloxía das construcións e en que estado estaban.

DOCUMENTACIÓN A ACHEGAR

Para este tipo de axudas, no caso de determinarse a ruína da vivenda, os beneficiarios non terán que presentar outra xustificación que a acreditación, por calquera medio admisible en dereito, da titularidade ou usufructo do inmoble, sen prexuízo dos controis que se establezan para verificar esta cuestión.

No que respecta aos establecementos comerciais e doutro tipo, tamén se incluirán os danos ocasionados nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e as mercadorías depositadas, así como os vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades. Quedarán excluídas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Tamén se dará cobertura aos titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, polos danos e perdas derivados directamente dos incendios, así como aos donos de maquinaria afectada.

Beneficiarias poderán ser tamén as entidades locais, para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo a consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal por esta causa --como as traídas de auga, por exemplo--, e tamén as asociacións, clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro polos danos nas súas instalacións.

No caso dos entes locais, estas axudas terán, en todo caso, carácter complementario ás que sexan aprobadas por outras administracións. Ademais, no decreto aprobado tamén se establece que o Goberno galego propiciará a firma, co resto das administracións públicas e con outras entidades, dos convenios de colaboración que esixa a aplicación deste decreto, con vistas ao cofinanciamento das actuacións.

FINANCIAMENTO

O financiamento destas axudas por parte da Xunta corresponderá aos orzamentos de cada unha das consellerías implicadas. Así, facúltase a Vivenda para que poida contribuír a sufragar os gastos que orixine o aloxamento provisional das persoas que tivesen que abandonar definitiva ou temporalmente as súas vivendas.

Do mesmo xeito, Medio Rural poderá cubrir accións de reparación dos danos dos incendios en montes veciñais ou de xestión conxunta. Serán intervencións de mellora de pistas e outras infraestruturas forestais de transporte, captacións de auga e evacuación de augas.

Tamén serán competentes para a concesión das axudas previstas neste decreto a Consellería de Facenda (para cubrir os danos persoais) e Economía, para compensar os danos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís. No que respecta ás administracións locais, tamén poderán actuar, ademais, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia; así como Infraestruturas e Educación.

RUEDA DEFENDE A PREVENCIÓN

Na súa intervención, preguntado polas causas que deron pé ao avance das chamas, Rueda defendeu a actuación do operativo sobre o terreo e tamén as tarefas de extinción impulsadas pola Xunta, aínda que admitiu que "fai falta perseverar moito máis".

Iso si, remarcou que non só as administracións senón tamén os propietarios deben implicarse nos labores de limpeza dos seus terreos, e puxo o acento a que neste caso os incendios se produciron por un fenómeno meteorolóxico excepcional, no que se combinaron as temperaturas extremas coas treboadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta