A Festa do Polbo do Carballiño volve por todo o alto na primeira edición de Interese Internacional

O Concello promete que o programa de actividades converterá as prazas da vila no escenario de concertos, festivais de corais, danza, cinema, teatro de marionetas e exposicións, entre outras propostas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2022 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A Festa do Polbo do Caballiño fai este ano a súa LX edición, a primeira coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional e na que se recuperará a programación e a celebración previa á pandemia. "O Carballiño está a cumprir un soño", así o expresou o concelleiro de turismo do concello, Manuel Dacal, na presentación da festa, onde destacou que "esta edición devolverá a ilusión pola celebración a todo o pobo".

O concelleiro de turismo foi o encargado de desagregar o programa de festexos que, durante os dous últimos anos, tiveron que adaptarse á situación sanitaria xerada pola covid-19. Con todo, este ano, a festa "recupera a súa esencia co día grande, o segundo domingo de agosto" --que será o propio día da Festa do Polbo--, así como con actividades ao longo de toda a semana, entre as que destacou especialmente "a preparación da tapa de polbo máis grande do mundo, prevista para o martes día 9".

En canto á distinción como de interese internacional, o edil dixo que "supón un impulso extraordinario e un aliciente para seguir traballando no engrandecemento desta manifestación gastronómica", proclamou Dacal, que trasladou que "homenaxea unha tradición ancestral". Así pois, prometeu que o programa de actividades converterá as prazas da vila no escenario de concertos, festivais de corais, danza, cinema, teatro de marionetas e exposicións, entre outras propostas.

AGRADECEMENTOS

Na mesma liña manifestouse o rexedor municipal, Francisco Fumega, agradecendo "o traballo de todo o pobo" e o apoio dos patrocinadores, "sen os que isto non sería posible". Así mesmo, destacou o traballo dos polbeiros, "porque eles son os absolutos protagonistas", e convidou "a todo o mundo a gozar dunha festa da que había ganas do seu regreso despois de tres anos" de formatos adaptados.

Durante a presentación da festa tamén interviñeron o secretario da Subdelegación do Goberno en Ourense, Manuel Arias, en representación da institución, e a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Por parte de Arias, felicitou o concello por conseguir a declaración de Interese Turístico Internacional, que "chega nun momento crucial", e celebrou "o bo traballo realizado a nivel administrativo á hora de tramitar o expediente", porque "son requisitos que non son fáciles de conseguir".

Pola súa banda, Nava Castro sumouse aos agradecementos a concello e patrocinadores e quixo destacar a declaración de Interese Turístico Internacional como "unha gran responsabilidade por ser un escaparate a nivel internacional". Ademais, este ano a festa dedícase ao Camiño de Santiago, polo que Castro agradeceu "a chiscadela" que se fai no cartel promocional ao ano Xacobeo, onde se poden apreciar os tentáculos do polbo colocados a modo de vieira.

FESTAS GASTRONÓMICAS

A maiores, a responsable de Turismo da Xunta aproveitou a súa intervención para incidir en que as festas gastronómicas "conforman a mellor mostra dalgunhas das máis relevantes exquisiteces culinarias de todo o territorio galego", acompañadas "pola tradición popular e a hospitalidade". "A enogastronomía é un dos grandes atractivos turísticos de Galicia e xa supón o segundo motivo polo que os visitantes acoden a Galicia", aseverou.

Neste sentido, quixo mencionar as xornadas de portas abertas das rutas dos viños de Galicia como promoción do turismo das zonas de produción das denominacións de orixe, o Outono Gastronómico, como "combinación do turismo rural e a gastronomía", e o programa de 'Tapas por Galicia'. En representación da Deputación Provincial de Ourense asistiu a deputada de cultura, Patricia Torres, que procamou que esta é "a festa das festas" e augurou "un gran éxito" á edición.

Presentación da Festa do Polbo de Carballiño (Ourense)
Presentación da Festa do Polbo de Carballiño (Ourense) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta