A Xunta acusa o Goberno estatal do paro de Ferroatlántica

Asegura que o Goberno non facilita un prezo da electricidade "competitivo e estable".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2022 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, valorou que Ferroatlántica parou a súa actividade en Sabón, no municipio de Arteixo, porque o Goberno central non facilita un prezo da electricidade "competitivo e estable". En declaracións aos medios, o titular de Industria do Goberno galego asegurou que xa levan meses advertindo que "España necesita ter un prezo competitivo e estable fronte a outros países europeos".

Neste sentido, detallou que nestes momentos en España o custo eléctrico é de "100 euros megawatt/hora máis caro que en Francia". Por iso, engadiu, empresas electrointensivas como Ferroatlántica, do grupo Ferroglobe, "non teñen posibilidade de competir e por tanto paran a súa actividade industrial".

Así, demandou "iniciativa" por parte do Goberno central para que as empresas electrointensivas "teñan unha solución e poidan ter un prezo competitivo homologable ao resto de países europeos". "Alcoa está parada, Ferroglobe está parado e corremos un risco claro de que haxa unha deslocalización de investimentos en España cara a outros países que teñen un prezo enerxético máis barato e máis estable", lamentou o vicepresidente.

Nesta mesma liña, insistiu en que o Goberno de Pedro Sánchez debe dar "unha reacción inmediata" porque, na súa opinión, "as empresas electrointensivas non poden asumir esta situación cunha inferioridade de condición competitiva fronte a outros países europeos".

Ferroatlántica, do grupo Ferroglobe, anunciou esta semana que para a produción do último do tres fornos que tiña en funcionamento en Sabón e avanzou a negociación dun ERTE, "previsiblemente en setembro", segundo informou o comité de empresa.

Fábrica de Ferroatlántica (Ferroglobe) na Coruña. FERROGLOBE
Fábrica de Ferroatlántica (Ferroglobe) na Coruña. FERROGLOBE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta