Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2025 | Actualizada ás 19:21
Anpas Galegas criticou que os requisitos para acceder aos campamentos de verán destinadas a persoas con discapacidade, promovidos pola Consellería de Política Social e Igualdade, "non son para nada inclusivos nin integradores".
Tal e como trasladou a asociación nun comunicado, esta oferta "queda, segundo entenden as familias afectadas, en papel mollado". "Os requisitos que se esixen para poder participar non son para nada inclusivos nin integradores e nin sequera para todas as persoas con discapacidade", denuncian.
Un destes requisitos nun grao de discapacidade mínimo do 33%. Para Anpas Galegas, "exclúe a unha boa parte de persoas que poderían participar", xa que "hai persoas neurodivergentes que non recoñeceron un grao de discapacidade, pero si teñen unha diagnose de necesidade específica".
Por outra banda, critican que "non se entende tampouco" o criterio de idade, xa que os participantes deben ter máis de 11 anos. "Non hai discapacidade ata os 11 anos?", afean.
Censuran tamén que "en ningún momento menciónase como vai ser a atención ás persoas usuarias destes campamentos específicos". "As familias, ou as propias usuarias maiores de idade ata os 50 anos, deben inscribirse coa incerteza de como van ser atendidas e por quen", sinalan.
Así mesmo, reproban a exclusión daquelas persoas "que non poidan comunicarse coas persoas do campamento": "Que debemos entender por comunicarse? estar a excluír, por exemplo, a unha moza de 25 anos que por un dano cerebral adquirido ten dificultades para comunicarse oralmente, ou mesmo por escrito?".
"Se non se contemplan as realidades de persoas con discapacidade debidamente acreditada, se as persoas menores de once anos non poden participar e se, ademais, non teñen acceso a estes campamentos específicos as persoas con necesidades específicas que non teñen o grao de discapacidade recoñecida, a quen van dirixidos estes campamentos?", resume Anpas Galegas a súa crítica ao programa impulsado pola Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.