Canto ardeu realmente en Galicia nos últimos dez días?

A Xunta de Galicia mantén desde hai varios días que a superficie queimada é de 30.000h, pero o Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS) di que son varios milleiros de hectáreas máis. Galería de imaxes no interior.

Por Galicia Confidencial | o Courel | 26/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural insiste en manter que en Galicia arderon 30.000 hectáreas desde que comezou a vaga de incendios, hai dez días. Unhas cifras que distan das que fornece o programa Copérnico ou o Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS) que apuntan a case 37.000 hectáreas.

Hectáreas ardidas no parque do Invernadeiro, en Vilariño de Conxo
Hectáreas ardidas no parque do Invernadeiro, en Vilariño de Conxo | Fonte: Copernicus

Este mesmo martes a Xunta daba por extinguido o incendio que afectaba o municipio ourensán de Oímbra, concretamente á parroquia de Rabal que calcinou un total de 2.100 hectáreas. En canto ao resto de grandes incendios forestais de Galicia, continúan controlados e estabilizados despois de máis de 10 días, segundo a actualización de datos ofrecida por Medio Rural ao longo deste martes.

Así, desde a tarde do luns segue estabilizado o lume do Courel, en Lugo, cunha superficie afectada de 11.100 hectáreas. Trátase dun total de cinco focos que se unificaron nun só: dous na parroquia de Vilamor, un na de Seceda --municipio de Folgoso-- e dous na de Saa --A Pobra do Brollón--. Trátase do incendio máis grande de Galicia nesta vaga de lumes. Uns datos que non coinciden cos do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais que rexistra case 14.000 hectáreas calcinadas.

Tampouco coindiden os datos no outro gran lume de Galicia, na provincia de Ourense, en Carballeda de Valdeorras, que afecta o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, con 10.500 hectáreas queimadas, segundo as últimas estimacións da Xunta. Pero para o EFFIS as hectáreas queimadas son case 13.000. 

O mesmo acontece cos outros grandes lumes que afectan ou afectaron a Galicia, o de Oímbra, con 2.100h queimadas, o de Vilariño de Conso, aínda activo, que afecta o Parque Natural do Invernadeiro e que calcinou xa segundo a Xunta 6.500 hectáreas.  A estes hai que sumar lumes máis pequenos que calcinaron máis de 2.500 hectáreas segundo a Xunta. Entre eles están o de Quiroga con 250h e aínda activo, o de Cualedro --31 hectáreas--; Baiona --46 hectáreas--; Melón --dous lumes que suman 98 hectáreas--; Quiroga --98 hectáreas--; Ribadavia --67 hectáreas-- ou Covelo --37 hectáreas--.

Tamén o de Cervantes, parroquias de Donís --75 hectáreas--, Noceda --182 hectáreas--, Cereixedo --65 hectáreas-- e O Castro --0,5 hectáreas--; así como Rodeiro --110 hectáreas--; Palas de Rei --375 hectáreas--, Antas de Ulla --54,1 hectáreas--; e os de San Cibrao --370 hectáreas--, e Videferre --919 hectáreas--, ambos en Oímbra.

Con todo, o Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais sinala que ademais de Valdeorras e O Courel hai outras 2.500 hectáreas ardidas non computadas nestes incendios de menor envergadura.

A PRIORIDADE DA XUNTA É A EXTINCIÓN

Preguntado sobre este desfase en hectáreas queimadas, fontes de Medio Rural suliñan que as medicións son "provisionais" e que, cando remate a vaga de lumes, a consellería fará unha medición "máis correcta e exhaustiva".

"Agora a nosa prioridae é a extinción, apagar os lumes e non tanto as medicións", apuntan as fontes consultadas que suliñan que os datos das hectáreas queimadas son os que lles fornecen os axentes forestais e especialistas sobre o terreo. 

EFFIS

O Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS) consiste nun sistema de información xeográfica modular en liña que proporciona información histórica e en tempo cuasirreal sobre incendios forestais e réximes de incendios forestais en Europa, Oriente Medio e África do Norte. A vixilancia dos incendios no EFFIS abarca a totalidade do ciclo dun incendio, proporciona información sobre as condicións previas e avalía os danos posteriores.

Un elemento central do EFFIS é a denominada Base de datos sobre incendios, que inclúe información detallada sobre rexistros individuais de incendios proporcionados polos países da rede do EFFIS. Actualmente, a información da base de datos comprende case dous millóns de rexistros proporcionados por vinte e dous países. A información sobre os datos da base de datos proporciónase a través da aplicación do historial de incendios do EFFIS. Polo tanto, os datos fornecidos por EFFIS veñen de información oficial das administracións galega ou española.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta