Persoal médico denuncia o Sergas ante Inspección de Traballo por "sobrecarga inasumible"

O Sergas replica que a presuposto da área de Pontevedra en materia de persoal creceu en 2022 en 129 prazas novas, con máis de 4 millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2022 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

A Organización Sindical de Médicos de Galicia (O'Mega) presentou ante Inspección de Traballo unha denuncia contra o Servizo Galego de Saúde (Sergas) polo que considera unha "desprotección absoluta" fronte aos "riscos psicosociais" do persoal facultativo que traballa en centros de saúde e Puntos de Atención Continuada e de urxencias hospitalarias da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Na denuncia, presentada despois de protestas veciñais acerca de deficiente funcionamento da asistencia primaria na provincia, os médicos sinalan que o exceso de demanda non atendida no primeiro nivel asistencial "se traslada aos servizos de urxencias hospitalarias, levándoos a unha situación próxima ao colapso", mentres que o persoal padece unha "sobrecarga laboral inasumible".

A situación "agrávase polo bloqueo de camas para o ingreso dos pacientes en planta, ata a súa habilitación in extremis". O persoal considera patente que os riscos laborais que padecen "teñen a súa orixe na ausencia ou, no mellor dos casos, nunha moi deficiente previsión organizativa que provoca unha infradotación de recursos humanos e materiais para facer fronte á demanda asistencial actual, a pesar de ser coñecida na súa orixe e evolución".

Como exemplo desta situación, a denuncia presentada polo sindicato médico O'Mega reflicte que con frecuencia os facultativos acoden aos puntos de atención continuada (PAC) "descoñecendo se van estar sós no centro, asumindo tamén as urxencias do resto dos seus compañeiros, o número e o estado dos pacientes que xa están a esperar da quenda anterior en salas cheas de usuarios moi molestos pola espera".

Todo iso, provoca que os facultativos "sufran unha sobrecarga laboral inasumible que provoca a realización de sobreesforzos físicos e psíquicos extraordinarios de forma sostida ao longo do tempo, o que xera altos niveis de tensións, a deterioración das relacións sociais e persoais debido á imposibilidade de conciliar a vida persoal e a laboral e a afectación da saúde física e psíquica do persoal médico, o que deriva nun alto número de baixas laborais".

O sindicato denuncia "a inexistencia dunha planificación preventiva para atallar os riscos de orixe psicosocial" e pon de manifesto "a omisión da administración de dar debido cumprimento á obrigación de velar pola seguridade do colectivo médico".

RESPOSTA DO SERGAS

Pola súa banda, o Sergas lembra que o orzamento da área de Pontevedra en materia de persoal creceu no ano 2022 en 129 prazas novas, con máis de 4 millóns de euros, especialmente, con reforzo de persoais en atención primaria. Segundo traslada a Europa Press, fíxose un plan de apoio emocional cunha unidade de psiquiatría de referencia por área. Ademais, indica que se están facendo actuacións en materia de formación.

Concretamente, afirma que en Pontevedra houbo unha actuación de equipo en UCI da man do servizo central de prevención de riscos. "Nos comités de Seguridade e Saúde das áreas infórmase de todas as medidas con carácter trimestral e ademais estase poñendo en marcha un plan de avaliación psicosocial coordinado desde servizos centrais, seguindo o modelo navarro, para o que se pediron as autorizacións oportunas á Inspección de Traballo e Seguridade Social", prosegue na súa argumentación o Sergas.

O Sergas subliña que conta con unidades de prevención de riscos laborais en todas as áreas que están dedicadas á avaliación dos riscos de persoal e precisamente Pontevedra conta con tres técnicos, un médico e unha enfermeira. "O coidado da saúde dos nosos traballadores e traballadoras é nosa principal preocupación", agrega.

A xornada realizada é a legal, de 37,30 horas de media semanal. En PAC, no verán sóbese por modificación de xornada, que habitualmente é de 130/140 horas mes (un día efectivo de cada catro) para facer entre 30 e 40 horas máis en xullo e agosto, aproximadamente. Por baixo das 48 horas de media semanal, sostén.

"Leváronse novas medidas á mesa sectorial para paliar as incidencias de falta de cobertura este verán con medidas económicas e de xestión. Fíxose unha OPE para prover as prazas e tamén medidas de xestión. Os servizos de urxencias teñen a xornada legal e ademais puideron contratar MIR de familia, a pesar das dificultades", finaliza.

Persoal do Sergas.. XUNTA - Arquivo
Persoal do Sergas.. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta