Localizan papeis apilados na orixe de dous conatos de incendio no distrito de Caldas-O Salnés

Estes achados súmanse ao da semana pasada dun artefacto incendiario que causou outro conato no distrito forestal XVIII Vigo-Baixo Miño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2022 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

Axentes ambientais da Consellería do Medio Rural localizaron indicios de "clara intencionalidade" en dous conatos de incendio forestal rexistrados hai días no distrito forestal XIX, de Caldas-O Salnés. En concreto, segundo informa a Xunta, estes efectivos atoparon os pasados 12 e 26 de xullo uns papeis de xornal apilados, colocados na orixe do lume. En ambos os casos, a "rápida intervención" dos medios fixo que a superficie afectada fose de tan só 0,01 hectáreas.

Os directores de extinción dos dous conatos xa puxeron os feitos en coñecemento dos especialistas da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que está a realizar as oportunas pescudas.

Estes achados, lembra a Xunta, súmanse ao da semana pasada dun artefacto incendiario que causou outro conato no distrito forestal XVIII Vigo-Baixo Miño. Naquel caso, os axentes atoparan unha cabicha provista dun sistema de ignición, concibida para ser depositada no monte e prender lume de modo inmediato.

Neste contexto, Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún incendio forestal. Así mesmo, está o teléfono anónimo 900 815 085 para denunciar calquera actividade delictuosa da que se teña sospeita ou coñecemento.

Papel de xornal queimado achado no distrito forestal Caldas-O Salnés (Pontevedra).. XUNTA
Papel de xornal queimado achado no distrito forestal Caldas-O Salnés (Pontevedra).. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta