9.000 persoas realizaron en xullo as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra lucense

A Deputación de Lugo reivindícaas como "unha boa maneira" de promocionar o territorio a través dun turismo "de calidade e non masificado".

Por E.P. | Lugo | 05/08/2022 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

As rutas en catamarán pola Ribeira Sacra ofrecidas pola Deputación de Lugo atraeron unhas 9.000 persoas durante o pasado mes de xullo, e consolidáronse como un "atractivo turístico" para os visitantes da comarca.

Rutas en catamarán pola Ribeira Sacra
Rutas en catamarán pola Ribeira Sacra | Fonte: Deputación de Lugo.

Así o comunicou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que cualificou os datos de "moi positivos" e apuntou que a previsión para os próximos meses é "moi boa": "É unha tendencia que vimos notando ata finais da tempada con case un 40% das prazas xa reservadas".

"As rutas fluviais favorecen a proxección da Ribeira Sacra e son unha boa maneira de promocionar o noso territorio a través do turismo de calidade, proximidade e non masificado", sinalou a deputada lucense.

Por outra banda, García Porto destacou unha "notable tendencia á alza" en viaxes de pequenos grupos, con familia e amigos, pero tamén un "gran incremento" de pasaxeiros internacionais. "O visitante busca alternativas ao aire libre, en plena natureza e seguras", afirmou.

RUTAS E HORARIOS

Durante o verán, a viaxe polo Canón do Sil conta con cinco frecuencias horarias e no caso da ruta Cabo do Mundo fanse tres viaxes diarias. Hai percorridos de luns a domingo en horario de mañá, tarde e noite, e ambos teñen unha duración aproximada de dúas horas.

O horario de viaxes manterase en ambas as rutas ata o mes de setembro, pero a partir do 1 de outubro, a do Canón do Sil funcionará só de mércores a domingo con dúas viaxes por día. Pola súa banda, a ruta Cabo do Mundo pasará a funcionar só as fins de semana a partir do primeiro día de outubro.

Para realizar as reservas das rutas fluviais pola Ribeira Sacra, as persoas interesadas poderán facelo a través da web https://reservas.rutasembalses.es.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

O Sil é lucense e ourensao, as dúas cousas ao tempo. Nesa ruta admíranse tamén Santa Cristina, Santo Estevo e San Pedro de Rocas...