Científicos piden aumentar as poboacións de cabalos salvaxes para evitar ataques do lobo ao gando

Un estudo feito nos montes galegos demostra que onde hai équidos silvestres apenas se depredan animais de granxas, xa que os cabalos son a presa preferida dos lobos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O debate sobre o lobo ibérico ten catro arestas: a política, a económica, a ecolóxica e a científica. Na política, as comunidades autónomas ao norte do Douro –Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria, que acollen máis do 95% do total de exemplares de Canis lupus– manteñen un pulso co Goberno central pola modificación da orde que permitirá incluír o lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de protección Especial (Lespre) e, polo tanto, a súa caza queda prohibida; no económico, os gandeiros apelan a “enormes perdas” por ataques destes animais ao gando; mentres, os ecoloxistas defenden a protección desta especie e consideran esta reforma unha vitoria fronte aos cazadores. Mentres políticos, gandeiros e ecoloxistas se enlean nas súas discusións, desde a ciencia seguen aportándose datos para a boa e equilibrada convivencia entre lobos e gando.

Cabalos salvaxes en Galicia
Cabalos salvaxes en Galicia | Fonte: LAURA LAGOS.

Científicos galegos achegan agora novos datos na revista científica Food Webs que sitúan os cabalos salvaxes como claves para evitar os ataques do lobo ao gando. Concretamente, descubriuse que a dieta dos lobos está composta maioritariamente por cabalos salvaxes galegos cando están dispoñibles, cunha baixa proporción de gando.

"Fortalecer as poboacións de cabalos e reintroducilos na área de distribución do lobo pode ser a forma máis respectuosa co medio ambiente de reducir perdas para os gandeiros"

“O feito de que o acceso aos cabalos salvaxes pode axudar a diminuír a depredación do lobo sobre outras especies de gando que son economicamente máis importantes, e os beneficios ambientais dos cabalos na protección contra os incendios forestais suxiren que se debería fomentar a conservación e expansión desta especie ameazada de cabalos. Fortalecer as poboacións existentes de cabalos e reintroducilos dentro da área de distribución do lobo pode ser a forma máis respectuosa co medio ambiente de reducir as perdas económicas para os agricultores e gandeiros”, explican os investigadores galegos, adscritos á Facultade de Medio Ambiente e Recursos Naturais da Universidade de Friburgo (Alemaña) e á de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo.

A idea era investigar as preferencias dietéticas do lobo e a súa variación xeográfica en tres áreas de Galicia que difiren en canto ao tipo e abundancia de presas potenciais para esta especie. E descubriuse que a dieta dos lobos estaba composta principalmente por cabalos salvaxes cando están dispoñibles na contorna dos lobos. As seguintes especies máis consumidas foron o xabaril e o gando vacún. Pero cando na zona non había cabalos salvaxes, observouse un consumo moito maior de gando tradicional (84% da biomasa).

Varios exemplares do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria
Varios exemplares do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria | Fonte: Europa Press - Arquivo.

“Os nosos resultados suxiren que os lobos se alimentan de cabalos salvaxes cando están dispoñibles, e que isto reduce drasticamente a depredación de especies de gando máis importantes economicamente nesas zonas”, expoñen os científicos.

LUGARES

As zonas de estudo foron as serras do Cando e do Candán, e os montes veciñais en man común das Estacas, en Fornelo de Montes.

A Serra do Cando é un Lugar de Importancia Comunitaria e Zona de Especial Conservación de 5.458 hectáreas situado no límite entre as provincias de Pontevedra e Ourense. Está ocupado en parte por un parque eólico e limita ao norte coa Serra do Candán e os montes de Costoia. As posibles presas do lobo neste lugar inclúen o xabarís, cabalos salvaxes, corzos, lebres, coellos, esquíos, ourizos e pequenos roedores.

A Serra do Candán é outro Lugar de Importancia Comunitaria e Zona de Especial Conservación que comprende 10.683 hectáreas, situada tamén no límite entre as provincias de Pontevedra e Ourense. Ocupada tamén en parte por un parque eólico, limita polo sur coa Serra do Cando polos montes de Costoia. A fauna e a flora son similares á Serra do Cando, sendo a principal diferenza a ausencia de poboacións de cabalos salvaxes.

Por último, As Estacas é unha área xestionada por unha comunidade de montes veciñais cunha extensión de 1.405 hectáreas, situada na zona sur da provincia de Pontevedra, no concello de Fornelos de Montes. Aquí, as presas potenciais para o lobo son as mesmas que na Serra do Cando.

Os investigadores recolleron e analizaron 120 mostras de feces de lobos entre decembro de 2017 e marzo de 2019, nas serras do Cando e do Candán, e As Estacas

Para analizar a dieta dos lobos, os investigadores recolleron e estudaron 120 mostras de feces destes animais entre decembro de 2017 e marzo de 2019. As tres áreas de estudo foron visitadas polo menos unha vez por tempada durante un total de 29 días. Ademais, confirmouse a presenza de lobos mediante métodos directos, utilizando cámaras trampas naquelas zonas onde se detectaron excrementos de lobos, e mediante vixilancia directa e detección acústica (ouveos).

Das análises das feces, finalmente, clasificáronse oito categorías de presas diferentes, incluíndo corzo, xabaril, cabalo salvaxe, gando vacún, ovella, lebre, pequenos mamíferos e vexetación.

As mostras de excrementos de lobos atopáronse maioritariamente en zonas rodeadas de bosque e matogueira ou só de matogueira, xeralmente toxos. As análises mostraron que os lobos teñen uns hábitos alimentarios máis xeneralistas en Candán, mentres que en Cando e As Estacas son máis especializados.

A DIETA DO LOBO

Na investigación aplicouse o índice de Ivlev, co que relacionaron a porcentaxe de contribución dunha especie na dieta do lobo coa súa correspondente participación porcentual na fauna, flutuando entre -1 e +1, onde valores negativos indicarían un rexeitamento cara ao recurso e valores positivos indicarían selección polo mesmo; se o índice é 0 significa que o ítem dietario é consumido por azar

Na Serra do Candán observouse que o lobo ten unha selección extremadamente alta cara ao corzo (D=0,99), cabra doméstica (D=0,96), xabaril (D=0,96) e ovella doméstica (D=0,79). E seleccionáronse negativamente o gando bovino (D=−0,23) e os porcos domésticos (D=−0,79).

No Candán, o gando foi a principal fonte de alimento, sendo o vacún a especie máis consumida, pero tamén estiveron presentes en porcentaxes inferiores cabras, ovellas e porcos. O xabaril foi a segunda principal fonte de alimentación. Tamén se atoparon en porcentaxes menores corzo e pequenos mamíferos. Nesta zona de estudo en particular, houbo unha porcentaxe relativamente alta de alimentos de orixe vexetal na súa dieta.

A Serra do Candán, a única zona de estudo sen cabalos asilvestrados, é onde se observou unha maior depredación do lobo sobre o gando

Na Serra do Cando observouse unha maior selección de xabaril (D=0,80) e cabalo salvaxe (D=0,43). E seleccionouse negativamente o gando vacún, tendo en conta a súa dispoñibilidade na zona de estudo, é dicir, consumiuse menos do esperado pola súa dispoñibilidade (D=−0,94). Tendo en conta a dispoñibilidade e densidades de ovino, gando vacún e porcino doméstico na zona, e dado que estas especies non foron identificadas en ningunha das mostras analizadas, os resultados amosaron que os lobos nunca seleccionan ningunha destas especies.

As análises mostraron que os cabalos salvaxes foron, con moita diferenza, os animais máis consumidos polos lobos e as presas máis frecuentes. De lonxe séguenlles os xabarís, pequenos mamíferos e lebres, ademais de vexetación. A única especie gandeira atopada nas feces foi o vacún, en porcentaxes pequenas.

Por último, nas Estacas observouse unha alta selección cara a cabra doméstica (D=0,84), xabaril (D=0,56) e cabalos salvaxes (D=0,51). Do mesmo xeito que no Cando, as reses foron seleccionadas negativamente (D=−0,87). Nas mostras analizadas non se atoparon corzos, ovellas e porcos domésticos, polo que se comprobou que os lobos nunca seleccionan ningunha destas especies malia a súa dispoñibilidade.

Do mesmo xeito que na Serra do Cando, a especie máis común que se atopa no excremento volve ser o cabalo salvaxe, con moita diferenza respecto a outras. Logo aparecen o xabaril, o gando vacún, cabras e pequenos mamíferos.

Polo tanto, a Serra do Candán, a única zona de estudo sen cabalos asilvestrados, é onde se observou unha maior depredación do lobo sobre o gando, “o que suxire que a ausencia de cabalos salvaxes pode ser un predictor razoable da extensión da depredación do gando por parte dos lobos”, apuntan os autores do estudo.

Mentres, na Serra do Cando e As Estacas os lobos mostran composicións dietéticas moi similares, co cabalo como alimento principal. Aínda que a poboación de cabalos salvaxes é moito maior no Cando, os científicos cren que a manda de lobos de Estacas probablemente non só se alimenta de cabalos salvaxes da súa zona, senón tamén dos de zonas limítrofes como a Serra do Cando.

"Probamos a hipótese de que a depredación do gando por parte dos lobos en Galicia pode ser menor cando as presas salvaxes e os cabalos libres son abundantes" 

Como recordan os investigadores, o lobo é unha especie oportunista que consome o alimento máis abundante, mudando e adaptando a súa dieta en función da dispoñibilidade de alimentos. Por iso, explican, aínda que diversos estudos “demostraron unha predisposición do lobo cara ás especies silvestres, aínda que estas estean presentes en densidades máis baixas que o gando”, en moitas zonas da península ibérica “os lobos vense obrigados a depredar o gando en zonas con dispoñibilidade de presas silvestres escasa ou nula”.

Para estes investigadores, os seus resultados “están aliñados con outros estudos que mostran que as condicións locais, máis que o número de lobos, xogan un papel fundamental na determinación da extensión dos ataques”.

“Nós probamos a hipótese de que a depredación do gando tradicional por parte dos lobos en Galicia pode ser menor en circunstancias nas que as presas salvaxes e os cabalos libres son abundantes a escala local, nun escenario moi concreto. Os nosos resultados suxiren que os lobos se alimentan de cabalos salvaxes cando están dispoñibles, e que isto reduce drasticamente a depredación de especies de gando máis importantes economicamente nesas zonas”, explican.

POÑER EN VALOR O CABALO SALVAXE

Así, estes científicos poñen en valor o papel que poden xogar os cabalos salvaxes nos montes galegos, xa que “non só reducen os ataques do lobo ao gando, senón que tamén aportan outros beneficios ambientais”, pois “a súa presenza aumenta a riqueza e diversidade de especies vexetais e limita o crecemento dos toxos, reducindo así o risco de incendios forestais, xa que os toxos xeran grandes cantidades de biomasa altamente inflamable”. Non só isto, como comentan, “os cabalos salvaxes son tamén un trazo representativo da tradición e do patrimonio galego”, que se ve plasmada nos famosos curros ou rapas das bestas.

"Asegurar unha poboación estable de cabalos salvaxes podería reducir drasticamente o número de ataques ao gando e, polo tanto, as perdas económicas dos gandeiros"

Os autores deste estudo piden, polo tanto, “tomar medidas para fomentar a conservación dos cabalos salvaxes galegos, non só porque son esenciais como presas alternativas ao gando doméstico que constitúen a principal fonte de ingresos dos agricultores e gandeiros locais, senón tamén polo seu papel na redución da biomasa forestal causante dos incendios forestais”.

“Asegurar unha poboación estable de cabalos salvaxes podería reducir drasticamente o número de ataques ao gando de maior importancia económica e, polo tanto, as perdas económicas dos gandeiros, e producir unha maior aceptación e tolerancia cara ao lobo, reducindo así tamén o impacto social do conflito entre labregos e lobos”, argúen.

CONFLITO POLÍTICO

Mentres desde a ciencia se seguen dando pasos para buscar a convivencia entre lobos e humanos, desde a política mantense o conflito aberto entre o Goberno central e a Xunta de Galicia pola modificación da orde que incluíu o lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de protección Especial (Lespre) e, polo tanto, prohíbe a súa caza.

A Xunta vén de reprochar ao Goberno central a súa "esixencia imposta" de que as comunidades teñan que subscribir a estratexia para a conservación do lobo para poder recibir os fondos para a prevención e indemnización dos danos causados por esta especie. Segundo informa o Executivo galego, comunicoullo o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a través dunha carta.

Por mor desta misiva, a Xunta lembra que os Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022 "xa consignaron 20 millóns de euros para paliar os danos do lobo, polo que a subscrición da estratexia non pode estar vinculada" á repartición desta contía.

A Consellería de Medio Ambiente lamenta que esta decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico estea "claramente vinculada" á oposición de Galicia á inclusión do lobo na Lesrpe. E é que a Xunta votou en contra da aprobación desta estratexia na Conferencia Sectorial do 28 de xullo porque, segundo argumenta, "prexudica a poboación rural galega, especificamente a que se dedica á gandaría extensiva" e "non achega a seguridade xurídica suficiente para a xestión da especie".

Ademais, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez afirma que a súa elaboración parte de "vitais carencias" de base, como a falta dun censo estatal previo actualizado, no que Galicia "xa está a traballar desde o ano pasado", e a "imprescindible avaliación" dos resultados da estratexia anterior.

Finalmente, a Xunta critica que esta estratexia saíu adiante co voto en contra das comunidades que albergan preto do 93 por cento das mandas (Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria) e co único apoio de comunidades "nas que a presenza de lobo é moi testemuñal".

Exemplares de lobo ibérico
Exemplares de lobo ibérico | Fonte: WWF.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta