Mazaricos, o Concello onde ceder terra para un parque eólico dá 72.000€ ao ano

O consistorio un discurso directo contra a "avalancha eólica" que permitiu aos seus veciños conseguir compensacións máis elevadas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2022 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

Na problemática da "invasión eólica" de Galicia, as administracións locais víronse en non poucos casos atrapadas nunha difícil tesitura: a lealdade ao partido ou aos veciños, aos de arriba ou aos de abaixo. Nesta circunstancia, o Concello de Mazaricos pode presumir de ser un dos máis comprometidos nun discurso duro e directo contra os novos muíños. 

Arquivo - Unha vaca pasta fronte a unha aspa dun aeroxerador a 22 de febreiro de 2022, en Abadín, en Lugo, Galicia.  Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Unha vaca pasta fronte a unha aspa dun aeroxerador a 22 de febreiro de 2022, en Abadín, en Lugo, Galicia. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Juan Blanco (BNG) revalidou o mandato á fronte do consistorio cunha maioría absoluta en 2019. Dende entón, o alcalde adscrito á fronte nacionalista vén conformando unha das posturas máis críticas coa "avalancha eólica" dentro da política local. Agora ten unha nova problemática no horizonte: o proxecto de sete novos parques eólicos no municipio.

Blanco sinalou este luns que a proliferación de novos proxectos é "preocupante" debido á localización dos mesmos, "xa que afecta tanto a terras de cultivo, ao Camiño de Santiago ou mesmo a núcleos de poboación". No pasado os parques eolicos adoitaban situarse no alto dos montes e en áreas despoboadas, con poligonais de pequeno tamaño, este non é caso destes proxectos. Pero os novos parques desta vaga situaranse en zonas habitadas, sobre terreos de uso social e económico e con liñas de evacuación que afectan "gravemente" á contorna de Mazaricos, din dende o Concello.

Por iso o rexedor sinalou que “os usos económicos e sociais do solo non se están tendo en conta á hora de autorizar novos parques no noso municipio”. Por parte do Concello, sinalou, “non podemos permitir que dúas das fontes de riqueza do municipio, como son o sector agrogandeiro e o turístico, se vexan afectadas por priorizarse unha actividade económica que non ten unha achega directa comparable á economía local e si vén cargada de externalidades”.

MÁIS RENDAS

Actualmente, están en fase de tramitación sete parques, incluíndo A Picota I e II, Alvite I e II, O Vao e San Cosmeiro. Fronte a estes proxectos, o Concello salienta o "retorno económico" que o Parque A Ruña significará para as comunidades veciñais grazas a unha negociación que cualifican de exitosa coa empresa promotora. O portavoz do Observatorio Eólico de Galicia, Xavier Simón, lembra que o modelo eólico da Xunta "non incentiva a participación veciñal nin a compensación económica das comunidades afectadas". A maior parte das rendas dos concellos e comunidades locais, lembra o experto, “derivan das negociacións cos promotores, que adoitan ser grandes empresas con capacidade persuasiva”. Como resultado, as rendas medias obtidas pola instalación destes parques son decote reducidas.

Porén, o portavoz do Observatorio Eólico salienta que este non foi o caso en Mazaricos. O Parque Eólico A Ruña ten en termos de renda anual para a veciñanza, e froito da negociación dos actores locais mazaricáns, como o Concello, coa empresa promotora, un pagamento anual por megawatio que multiplica por 2,5 o valor medio en Galicia. “De feito, tendo en conta que moitos parques se negocian por moito menos, cremos que no caso da Ruña pode ser unha renda 4 veces superior á de moitos outros parques de Galicia”, engade. Unha vintena de asociacións locais recibirán 72.000€ anuais durante 30 anos.

O caso de Mazaricos demostra, a xuízo de Xavier Simón, “que hai marxe nas empresas para deixaren máis rendas no ámbito local”. O experto considera Mazaricos “exemplo disto” e considera que “os responsables da negociación fixeron un moi bo traballo”. Así, o do Parque Eólico a Ruña en Mazaricos constitúe “un caso único en toda Galicia”, destaca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta