Por gcdeportes | Lugo | 09/09/2014 | Actualizada ás 17:34
A cita máis importante do básquet galego. Lugo acollerá a vindeira fin de semana a 29ª edición da fase final da Copa Galicia. Semifinais e final cos catro mellores equipos galegos. O Pazo de Deportes lucense será pois unha festa do baloncesto galego.
O Ribeira Sacra Breogán actuará de anfitrión e o Río Natura Monbús Obradoiro, único equipo galego na ACB, será o rival a bater tras catro títulos consecutivos. Tamén estará o Leyma Básquet Coruña, rival do Breo nunha das semifinais. COB Ourense e Xuven Cambados (LEB Plata) loitarán este mércores (pavillón do Pombal, 20.30 horas) pola praza baleira.
Para Obradoiro e Leyma Coruña será a primeira cita da tempada. Breogán e COB xogaron o pasado venres un amigable en Ribadeo con vitoria lucense: 91-81.
A presentación foi cousa do presidente do CB Breogán e vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, do vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto, José Manuel Villamaría, e do director da área de negocio de La Caixa en Lugo, José Manuel López. Os tres coincidiron na importancia do evento e no nivel dos participantes, polo que fixeron un chamamento á afección para encher o pavillón. 15 euros para os adultos e 10€ para os menores de 18 anos é o prezo polo abono para os dous días. Para unha xornada, 10€ para os adultos e 8€ para os máis novos. Os menores de seis, de balde.
O sábado 13 serán as semifinais: Ribeira Sacra Breogán - Leyma Básquet Coruña ás 18:00h e Obradoiro contra o vencedor do Xuven Cambados - COB Ourense ás 20.15h. O domingo será a gran final ás 13.00 horas (TVG).
Das 28ª edicións anteriores, o Breogán suma 11 títulos, sete o COB, cinco o OAR Ferrol e as catro últimas do Obradoiro. Unha gañou o Sondeos do Norte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.