Anciáns de centros con cadeiras rotas tardaron unha semana en ir aos hospitais por falla de enfermeiros

É a denuncia que fai a asociación Vellez Digna que critica a falla de enfermeiras as 24 horas en centros dos grupos DomusVi e Ballesol. A Xunta constata a eiva e pídelle á empresa que o solvente. DomusVi di que cumpren coas normas establecidas pola Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A asociación Vellez Digna, que engloba a familiares e usuarios de residencias de maiores, denunciou ante as consellerías de Política Social e de Sanidade a varias residencias dos grupos DomusVi e Ballesol por "incumprimento reiterado" da obrigación de dispor de enfermeira as 24 horas.

A través dun comunicado, este colectivo asegura que ambas as empresas "se negan a cubrir vacacións e baixas" destes sanitarios, o que supón "un risco" para os anciáns. Ademais, acusa á Consellería de Política Social e Xuventude de "inacción" ante a "falta de persoal" que tamén afecta a outros grupos profesionais.

Vellez Digna pon como exemplo o caso dun ancián residente no centro Ballesol de Poio que sufriu "unha caída o día 14 de xullo" e "se queixaba de fortes dores e era incapaz de andar". "Non foi derivado ao hospital (xa que non hai persoal que valore a situación e tome a decisión) ata o día 20 pola tarde" e "tiña fractura de cadeira", relata a asociación.

No caso de DomusVi, o seu asilo de Pontevedra tamén rexistra un número "importante" de caídas "e non hai enfermeiras" para atender aos usuarios. Así mesmo, o colectivo asevera que nas residencias de Aldán --en Cangas-- e Ribadumia "están igualmente baixo mínimos de persoal, o médico só vén unha ou dúas horas ao día e non se cobren máis que unhas horas de Enfermaría".

Vellez Digna, que tamén fala de "ilegalidade que leva malos tratos e abandono", censura que a Consellería está "sometida aos intereses das residencias" ao converter á Inspección "nun corpo inoperativo".

Hematomas nunha residente do centro DomusVi-Aldán
Hematomas nunha residente do centro DomusVi-Aldán | Fonte: Vellez Digna

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, Inspectores da Consellería de Política Social e Xuventude constataron que a residencia Ballesol de Poio  non conta con enfermeira as 24 horas, polo que instou á dirección a que o "emende".  Así o ratificaron a Europa Press fontes deste departamento que tivo constancia da denuncia interposta pola asociación de familiares e usuarios de residencias Vellez Digna.

Por mor da denuncia, a Consellería de Política Social confirmou que os seus servizos de Inspección acudiron á residencia e confirmaron que si había "deficiencias" en canto ao servizo de Enfermaría. Así, requiriron ao centro que o "emende" e, se non o fai, a empresa podería chegar a enfrontarse "mesmo a unha multa económica", tal e como advertiu a Administración autonómica.

DOMUSVI DEFÉNDESE

Pola súa banda, DomusVI emitiu un comunicado para defender que os tres centros citados pola asociación --fala de falta de persoal de Enfermaría en Pontevedra, Aldán e Ribadumia-- cumpren coas normativas establecidas pola Xunta en canto aos cocientes, que están fixadas "en función do número de residentes" en cada unha das instalacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta