O exsenador que cedeu o seu escano a Feijóo, recolocado como director da Casa de Galicia en Madrid pola Xunta

O exalcalde de Portomarín Juan Carlos Serrano sitúa entre os eixos fundamentais do seu traballo a difusión da imaxe e da promoción turística de Galicia na capital de España.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/08/2022 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

O Goberno galego anunciou o nomeamento do exsenador e exalcalde de Portomarín Juan Carlos Serrano como novo director da Casa de Galicia en Madrid, un posto que estaba vacante desde o falecemento de José Ramón Ónega, en febreiro do pasado ano.

Juan Serrano, novo director da Casa de Galicia en Madrid
Juan Serrano, novo director da Casa de Galicia en Madrid | Fonte: Xunta de Galicia.

Serrano ocupaba unha praza de senador por designación autonómica ata xuño, cando a deixou para facilitar o acceso á Cámara alta do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Tamén Elena Muñoz deixou o seu posto --agora secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda, que dirixe Diego Calvo-- no Senado para que entrase Miguel Tellado, responsable de Organización Territorial en Xénova.

A Xunta destaca a súa traxectoria durante 10 anos dirixindo o Concello de Portomarín, marcada por "un amplo coñecemento do Camiño de Santiago e do Xacobeo".

Serrano é empresario e tamén exerceu como presidente da Mancomunidade do Camiño de Santiago e promotor do protocolo fundacional 'Observatorio Xacobeo' que deu lugar á Asociación do Camiño, integrada por 120 municipios e da que formou parte da directiva como tesoureiro.

O novo director manifestou que tentará que a Casa de Galicia en Madrid sexa un "portal da Xunta para toda España" e anticipou a súa pretensión de que se converta nun "punto de encontro para a galeguidade", á vez que un "lugar de encontro da Galicia emigrada" e un "referente" para o mundo empresarial, cultural, deportivo e científico.

Neste sentido, Serrano comprometeuse a traballar "intensamente" para que as empresas galegas que queiran darse a coñecer en Madrid atopen en casa de Galicia un apoio "firme e constante".

De igual maneira, manifestou a súa intención de seguir dándolle impulso á obra dos artistas, colectivos profesionais e intelectuais galegos, aos que garantiu que continuarán atopando "acollida e sensibilidade" nesta institución.

O novo director tamén situou entre os eixos fundamentais do seu traballo a difusión da imaxe e da promoción turística de Galicia en Madrid.

Ademais da difusión da Ruta Xacobea, trasladou o seu compromiso de difundir o potencial da costa galega e tamén os valores naturais da Galicia de interior, entre os que citou o referente termal no que se erixiu a provincia de Ourense.

Para Serrano, a forza económica de Madrid e a maior proximidade que supuxo a chegada do AVE a Ourense fai da Casa de Galicia un "lugar de oportunidades" para "os excelentes" produtos galegos. "A Casa de Galicia ten desde hoxe mesmo as portas abertas a todos os galegos e galegas e amigos de Galicia", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta