Os casos de varíola do mono en Galicia ascenden a 83

No Estado son xa 5.719 os afectados. Confírmase a meningoencefalite como causa das dúas mortes rexistradas até agora.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 12/08/2022 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

España notificou este venres 5.719 casos confirmados de varíola do mono, 557 máis que o pasado martes e 777 máis que os casos reportados hai unha semana (4.942), segundo os datos da Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (RENAVE) a 12 de agosto, publicados este martes polo Ministerio de Sanidade.

Varíola do mono
Varíola do mono | Fonte: EFE-GC

Novamente, péchase a semana sen falecidos, aínda que o informe confirma que a causa dos dous falecidos en España desde o comezo do gromo foi unha meningoencefalitr vírica, unha enfermidade do sistema nervioso central orixinada polo virus.

Os casos son de todas as comunidades autónomas, sendo Madrid a que ten maior rexistro de pacientes: 2.094 casos confirmados, segundo o informe epidemiolóxico semanal da Comunidade de Madrid, e 1.885 casos están incluídos na plataforma SiViES de notificación.

Por maior número de casos, séguelle: Cataluña 1.782, Andalucía 674, Comunidade Valenciana 353, País Vasco 162, Canarias 136, Baleares 134, Galicia 83, Castela e León 54, Asturias 53, Aragón 53, Castela-A Mancha 42, Murcia 33, Cantabria 27, Estremadura 22, Navarra 13, e a Rioxa 4.

Dos casos notificados en SiViES, un total de 5.413 son homes e 97 son mulleres. A idade oscila entre 10 meses e 88 anos, cunha mediana de idade de 37 anos (rango intercuartílico: 31-44 anos). Así mesmo, disponse da data de inicio de síntomas en 5.181 casos; destes, o primeiro caso notificado iniciou síntomas o 26 de abril e o último o 8 de agosto.

Dos 4.955 pacientes con información dispoñible, 155 casos foron hospitalizados (3,1%) e dous dos casos faleceron por meningoencefalite. Ademais, un total de 266 pacientes dos 3.879 (6,9%) presentaron complicacións ao longo do seu proceso clínico; as máis frecuentes foron as úlceras bucais e as infeccións bacterianas secundarias.

En xeral, entre os pacientes con información clínica presentáronse principalmente entre os síntomas: exantema anoxenital (59,2%), febre (54,3%), exantema noutras localizacións (non anoxenital nin oral-bucal) (51,3%) e linfadenopatías (51,3%).

Sobre o mecanismo de trasmisión, 4.231 de 5.510 pacientes con información dispoñible eran homes que manteñen sexo con homes. Sanidade dispón de información sobre o mecanismo de transmisión máis probable en 3.253 casos, sendo no 79,8 por cento por contacto estreito no contexto dunha relación sexual e no 8,9 por cento por contacto estreito non sexual.

En relación á asistencia a eventos multitudinarios, dos 4.053 casos con información nesta variable, 743 acudiron a algún evento nas datas previas ao comezo de síntomas.

SITUACIÓN EN EUROPA E O RESTO DO MUNDO

No resto de Europa, a 12 de agosto, notificáronse un total de 12.977 casos confirmados, sendo Alemaña (3.063), Reino Unido (2.914), Francia (2.601), Países Baixos (1.025) e Portugal (770) os países máis afectados, ademais de España. A maioría son homes novos con antecedente de relacións en contexto sexuais de risco.

No resto do mundo, a 12 de agosto, notificáronse un total de 15.668 casos confirmados en países non endémicos, sendo Estados Unidos (10.768), Brasil (2.458), Canadá (1008), Perú (653) e Israel (174) os países afectados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta