Cinco incendios sen extinguir en Galicia, todos na provincia de Ourense

O maior lume, en Laza, segue activo, con 2.100 hectáreas queimadas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/08/2022 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

O incendio forestal de Laza (Ourense), que, tras unirse co lume de Chandrexa de Queixa, suma unhas 2.100 hectáreas queimadas, mantense activo en Galicia, aínda que a Consellería de Medio Rural informou de que está "practicamente perimetrado" e de que evoluciona "favorablemente" cara á súa estabilización.

Vista do incendio, a 10 de agosto de 2022, en Laza
Vista do incendio, a 10 de agosto de 2022, en Laza | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

En total, cinco lumes permanecen sen extiguir este sábado --o de Laza e outros catro máis pequenos, todos na provincia de Ourense--. Non experimentaron cambios en canto á superficie afectada. O de Laza é o único que segue activo, despois de que sobre as 20,50 horas deste venres se dese por estabilizado o rexistrado no Irixo e por controlado o de Boborás.

O lume do Irixo, que se iniciou en San Cosmede de Cusanca, calcinou 680 hectáreas; mentres que o de Boborás, que empezou na parroquia de Astureses, queimou ao redor de 120 hectáreas, segundo as estimacións provisionais do departamento que dirixe José González.

Tamén permanecen controlados os incendios iniciados en Vilardá, en San Xoán de Río, que queimou unhas 20 hectáreas; e en Casaio, en Carballeda de Valdeorras, que queimou ao redor de 440.

Ademais, sobre as 20,00 horas deste venres, máis dunha semana despois de que empezase na parroquia de Cures, deuse por extinguido o lume de Boiro, na comarca do Barbanza. As hectáreas arrasadas por este lume forestal ascenden a 2.200, das que 607 eran monte arborado e os 1.593 restantes, raso.

O lume de Boiro, que é o maior dos rexistrados ata agora durante o mes de agosto no que respecta a superficie afectada --aínda que lle segue de preto o de Laza--, provocou a activación da alerta por proximidade a vivendas, desaloxos e afectou a outra localidade da comarca, A Pobra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta