As dúas caras da economía galega: empresas que facturan á alza e salarios que valen cada vez menos

O fluxo de produtos e servizos crece exponencialmente mentres a inflación devora o poder adquisitivo dos pequenos aforradores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2022 | Actualizada ás 10:04

Comparte esta noticia

A cifra de negocios da industria galega creceu un 35% en xuño en relación ao mesmo mes do ano anterior, segundo datos difundidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este xoves. Este incremento é tres puntos superior á media estatal, que aumenta un 31,7%. As maiores subidas da facturación da industria déronse en Murcia (61,7%), Comunidade Valenciana (45,5%) e País Vasco (45,3%), mentres que os menores producíronse en Canarias (15,5%), A Rioxa (17,4%) e Castela e León (20,0%).

Deste xeito, a industria na comunidade galega acumula tres meses consecutivos de incremento interanual (abril, maio e xuño), xa que o último descenso tivo lugar en marzo (-7%). De media no que vai de ano, entre xaneiro e xuño, a alza da industria galega é do 16,9%. Supón o segundo menor avance entre comunidades, só por encima de Navarra (16,2%). É sete puntos inferior á media estatal (24%).

Liña de montaxe da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo.. PSA PEUGEOT CITROËN VIGO - Arquivo
Liña de montaxe da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo.. PSA PEUGEOT CITROËN VIGO - Arquivo | Fonte: Europa Press

SERVIZOS, TAMÉN Á ALZA

Paralelo é o caso do sector servizos galego, que elevou a súa facturación un 29,3% o pasado mes de xuño, en comparación co mesmo período de 2021, segundo datos publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.

Esta cifra supón un incremento superior ao da media nacional, xa que no total de España as vendas do devandito sector subiron no sexto mes do ano un 23,4%. Por iso, Galicia situouse como a terceira comunidade española onde máis creceron, só por detrás de Illas Baleares (+62%) e de Canarias (+40%).

No que vai de ano, a facturación do sector servizos en Galicia incrementouse un 27,3%, case catro puntos porcencuales máis que a media nacional, onde aumentou un 23,5% entre xaneiro e xuño, en comparación co mesmo semestre do exercicio previo. Pola súa banda, a creación de emprego no sector en Galicia subiu un 2,8% en xuño, dous puntos menos que a media (+4,8%). No que vai de ano este dato é do 3,3%, tamén por baixo da media nacional (+4,9%).

A DOBRE CARA

As dinámicas mercantís de ambos sectores contrastan fortemente co sentir xeral da poboación galega, que dende hai meses batalla coas altas taxas de inflación que están a afectar ao conxunto da poboación estatal. Detrás deste incremento está, naturalmente, a guerra de Ucraína, pero tamén unha suba que xa afectaba aos produtos enerxéticos antes do conflito e que arrastra á totalidade das cadeas produtivas. A previsión dos economistas é que coa chegada do outono os datos tomen un cariz máis grave, non así do Goberno, máis optimista.

Concretamente, e atendendo aos datos de Expansión, o IPC medrou en Galicia un 11'5% a datos do pasado mes de xullo -é dicir, dende o mesmo mes de 2021--. O incremento foi así catro décimas superior á do mes anterior e, en calquera caso, supón uns datos difíciles de imaxinar antes da chegada da pandemia ou a actual crise dos carburantes. 

Resulta relevante que nesta alza prezos contara cun papel tan grande a vivenda, que no caso galego subiu un 28,1% de prezo no último ano. Todo o contrario que o caso de vestido e calzado, que lidera o descenso da táboa baixando un -10,3%. De todas maneiras, o centro da amentada inflación está no efecto dos carburantes e, para as voces máis críticas co Goberno --como a Xunta de Galicia-- no peche das centrais térmicas, que ao reducir a oferta no mercado maiorista da electricidade levou a un encarecemento histórico da mesma. 

MERCADORÍA ENTRA, MERCADORÍA SAE

Na mesma xornada vén de coñecerse tamén que a CCAA triplicou o saldo do seu comercio exterior en xuño ata situalo en 283,9 millóns de euros, tras subir un 50,1% as exportacións (por un valor de 2.796,6 millóns) e un 61,1% as importacións (por 2.512,7 millóns). No acumulado de xaneiro a xuño, o saldo ascende a 1.521 millóns de euros, con exportacións por un importe un 27,1% superior (14.406,2 millóns) e importacións que representan un 36,6% máis (12.885,2 millóns).

En canto ás provincias galegas, A Coruña anotou en xuño exportacións por un valor de 1.434,5 millóns, e importou por un importe de 1.238,8 millóns. En Lugo os datos foron 62,9 millóns en exportacións e 62,3 millóns en importacións, e en Ourense, 110,1 millóns fronte a 59,4, respectivamente. Por último, Pontevedra rexistrou o sexto mes o ano exportacións por un importe que alcanzou os 1.189,1 millóns e importou por un valor de 1.137,3 millóns.

Igualmente, a afiliación media de estranxeiros aumentou en xullo en Galicia un 3,7%, só por detrás do 5'5 de Cantabria, mentres que descendeu en Andalucía (-8%), A Rioxa (-6,3%), Murcia (-5,49%) e Estremadura (-4,7%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta