O incendio de Ribadavia segue activo pero estabilizado e extinguido un conato en Lobeira

Declarado o xoves 1 de setembro ás 18,48 horas, calcinou, segundo a estimación provisional, unhas 30 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/09/2022 | Actualizada ás 20:39

Comparte esta noticia

O incendio orixinado en Ribadavia, na súa parroquia homónima, quedou estabilizado ás 19,23 horas deste venres; mentres que un conato de incendio en Lobeira, tamén na provincia de Ourense, quedou extinguido. No caso do lume de Ribadavia, declarado o xoves 1 de setembro ás 18,48 horas, calcinou, segundo a estimación provisional, unhas 30 hectáreas.

Para os labores de control e extinción mobilizáronse un técnico, 24 axentes, 51 brigadas, 27 motobombas, dúas pas, oito avións, e oito helicópteros. Na tarde deste venres iniciouse un lume que quedou en conato, tras queimar 0,05 hectáreas no parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, na parroquia de Parada, en Lobeira. Foron mobilizados para aplacar as chamas, que se deron por apagadas ás 19,30 horas deste venres, un total de tres axentes, tres brigadas, unha motobomba e un helicóptero.

OUTRO LUME EXTINGUIDO

Ademais, a Consellería do Medio Rural informou este venres da extinción ás 13,30 horas do incendio forestal iniciado na parroquia de Parada, no municipio ourensán de Lobeira, con máis de 40 hectáreas calcinadas, case todas de monte raso.

Nos labores participaron nove axentes, 28 brigadas, 11 motobombas, unha pa, cinco avións, e nove helicópteros. As chamas afectaron ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

CONTROLADO

Por outra banda, permanece controlado desde as 22,27 horas do mércores 31 de agosto o incendio forestal que afecta o municipio de Cenlle, tamén en Ourense, e que queimou unhas 62 hectáreas. Participan no operativo tres técnicos, 33 axentes, 86 brigadas, 47 motobombas, tres pas, unha unidade técnica de apoio, oito avións e nove helicópteros.

Incendio de Cualedro (Ourense).. Rosa Veiga - Europa Press
Incendio de Cualedro (Ourense).. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta