O alcalde de Pantón ve "clara intencionalidade" no último incendio

Ocorreu o pasado domingo na parroquia de Santiago de Cangas.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 05/09/2022 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

O alcalde do concello lucense de Pantón, José Luís Álvarez, observa unha "clara intencionalidade" no incendio rexistrado na tarde do pasado domingo na parroquia de Santiago de Cangas. Segundo relatou o rexedor, o lume iniciouse pasadas as 16,00 horas "con tres focos case simultáneos", que arrasaron un total de 15 hectáreas.

Un bombeiro traballa nun incendio forestal
Un bombeiro traballa nun incendio forestal | Fonte: Gustavo da Paz - Europa Press.

Para Álvarez, a ausencia de factores meteorolóxicos "como treboadas ou elevadas temperaturas como as de meses atrás" dificultan establecer a teoría dun lume desencadeado por circunstancias "naturais".

Ademais do factor climático, o alcalde sospeita da recurrencia coa que, asegura, se queima a zona. "Agás os dous anos de pandemia, todos os anos quéimase o mesmo monte; esta vez con tres focos á vez. Non son eu quen debe aseguralo, ten que haber unha investigación das autoridades, pero creo que é evidente que hai alguén detrás", insistiu.

Sobre a identidade da persoa ou persoas que poidan estar detrás da suposta intencionalidade das chamas, prefire non opinar e "deixar que traballe quen o teña que facer", aínda que asegura que se fan "unha idea".

O lume controlouse xa a última hora do propio domingo e malia estar relativamente preto das casas "non foi algo distinto ao doutros anos". Aínda que é certo, matiza o rexedor, a situación vivida en Folgoso do Courel provocou que a incerteza e o medo aumentase con respecto a outros anos.

En todo caso, o alcalde agracede a inmediatez coa que os axentes actuaron no territorio. "Grazas a esa rapidez púidose controlar rápido e facer que non tivésemos que lamentar máis danos", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta