Como xestionamos que o noso fillo non queira volver á escola tras as vacacións?

Recuperar rutinas pouco a pouco, involucralo na preparación do material e coidar a súa saúde mental son consellos a ter en conta de cara a volta ao colexio.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A 'volta ao cole' xa está aquí e iso implica tamén un regreso á rutina para as crianzas. Unha situación que para moitas é ilusionante, pero que para outras implica enfrontarse a tensións e angustia. O Estudo TopDoctors Volta ao Cole 2022 apunta que o que máis custa á rapazada, segundo as súas familias, é volver establecer horarios (85%), a volta á rutina en canto a tarefas ou deberes (76%) e a separación tras pasar moito tempo en familia (48%).

Arquivo - Un neno con máscara nunha aula dun colexio. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Un neno con máscara nunha aula dun colexio. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo

 

Para facer máis levadeira a volta ao colexio, a comunidade experta e as familias coinciden en recomendar volver ás rutinas de forma gradual (64%), motivar con volver ver as amizades e profesorado (53%) ou comprar e preparar o material escolar xuntos (53%).

 

Segundo Bárbara Zapico, especialista en Psicoloxía Clínica, pode ser beneficioso regresar aos horarios habituais antes do inicio do curso, a finais de agosto ou principios de setembro. Involucrar a crianza na preparación do material unhas semanas antes ou reforzar as ideas positivas de volver ao colexio son outras recomendacións que poden funcionar. 

 

ATENCIÓN A POSIBLES CASOS DE BULLYING

 

Doutra banda, a comunidade experta lembra a importancia de traballar a comunicación coas crianzas para detectar de xeito precoz posibles casos de bullying. Segundo o último informe da ONU, un de cada tres nenos e nenas en todo o mundo sofre acoso escolar, mentres que no Estado, a Asociación Non ao Acoso Escolar (NACE) calcula que son un de cada cinco. 

 

"Xeralmente son persoas que acoden a consulta por cadros de ansiedade graves que os levan a illarse socialmente de maneira progresiva, o que provoca irritabilidade no domicilio, dificultade no sono ou diminución do rendemento académico", explica Eduardo Rodríguez Sanz, director do centro de saúde Mentalia Montreal. "Os episodios de acoso poden permanecer ocultos durante meses ou mesmo anos, tempo no que o acosado pode sufrir agresións físicas, verbais e psicolóxicas, e en moitas ocasións é un episodio especialmente grave o que provoca que a situación de acoso se faga visibles".

 

Desde Mentalia recoméndase que as familias da mocidade preadolescente e adolescente miren e escoiten sempre con atención os seus fillos para poder detectar a posibles sinais: cambios na maneira de comportarse, irritabilidade excesiva ou illamento progresivo. "O máis complicado será conseguir que a persoa verbalice o que está a ocorrer, así que desde pequenos hai que favorecer a comunicación con eles", explican dende o centro.

 

Unha vez se é coñecedor dunha situación de acoso, o primordial é protexer o menor e comunicarse tamén co centro educativo, así como buscar axuda profesional na medida do posible. Tamén, desde os centros, se debe prestar a máxima atención durante os recreos, como unha ferramenta preventiva e reveladora de posibles situacións de acoso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta