Anpas Galegas: "Os libros de texto son materiais obsoletos que xa deberan ter desaparecido"

Familias piden impulsar os contidos dixitais e demandan unha "auténtica gratuidade" da educación pública que inclúa os libros de texto. Este ano, a aplicación da nova lei educativa nos cursos impares está provocando certos atrasos na chega deste material ás librarías e ao alumnado.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Comeza un novo curso escolar e, con el, volve reabrirse o debate sobre a idoneidade dos libros de texto como a mellor ferramenta educativa para impartir aulas nunha sociedade dixitalizada coma a de hoxe en día. Unha controversia que gaña espazo nun contexto de inflación onde avivan as demandas dunha "auténtica gratuidade" do ensino público, e nun contexto no que a aplicación da nova lei educativa - Lomloe - nos cursos impares provocou nos últimos meses uns "atrasos en cadea" na actualización dos libros que fai que algúns dos exemplares aínda non chegasen ás librarías e ao propio alumnado. 

Unha moza estuda con libros de texto
Unha moza estuda con libros de texto | Fonte: Xunta.gal

Dende a Confederación de Anpas Galicia, o seu presidente, Fernando Lacaci, expón que "nun momento de saber dinámico e móbil", que sigan existindo libros de texto é un "problema", "unha pedra coa que tropezas no camiño e que en nada te apoia". Trátase, di, de materiais "obsoletos" que manteñen un modelo de ensino "atávico" nesta época dixital. Máis aínda, prosegue, ante un novo marco lexislativo que procura un maior dinamismo e que se afasta das prácticas memorísticas de aprendizaxe. 

O presidente de Anpas Galegas advirte que o "problema" está na "falta de contidos dixitais". "É unha cuestión que se viu perfectamente ao longo da pandemia e dos confinamentos. As crianzas quedaron na casa e o profesorado tivo que buscarse a vida para crear, da nada, contidos online", explica Lacaci, que denuncia que a administración "gaste 25 millóns de euros de diñeiro público en libros que acabarán en trasteiros ou na revenda", no canto de investir na construción de ferramentas máis acordes, di, aos tempos actuais. "En que despropósito estamos metidos para manter un sistema que non beneficia a ninguén e que debería ter xa desaparecido?", pregúntase.

"AUTÉNTICA GRATUIDADE"

Estas demandas das familias cobran aínda máis impulso nun momento no que a inflación, que escalou en Galicia ao 11,5%, convirte esta 'volta ao cole' na máis cara dos últimos tempos. "As familias están tomando esta situación con moita resignación, pero cómpre mobilizarse", anima Lacaci. "Economicamente o regreso ás aulas é un contratempo. Nós levamos moitos anos defendendo unha auténtica gratuidade; o mandato da Constitución de que o ensino público debe ser gratuíto ten que alcanzar todos os accesorios do ensino. As familias teñen dereito pleno de mandar os seus fillos ás aulas sen que lles supoña nin un só centimo en material, libros ou excursións", explica Lacaci. Gastos dos que "non se pode prescindir" e que colocan moitas familias entre as cordas.

Este mesmo luns, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, acusou o Goberno de España dunha "falta de sensibilidade social" por "obrigar" as familias a renovar os libros de texto nos cursos impares; e reclamou, neste sentido, unha ampliación do fondo estatal para a axuda nestas compras. Dende CIG-Ensino critican a "hipocrisía" e a "cara de cemento armado" do que foi presidente da Xunta de Galicia ao demandar a gratuidade dos libros de texto cando, no 2009, á súa chegada ao Goberno galego, decidiu eliminar o sistema de préstamo universal implantado no bipartito. No seu lugar impulsou un modelo de axudas parciais que foi duramente criticado pola comunidade educativa e pola oposición. 

Neste inicio de curso "moi duro" para as familias, CIG-Ensino denuncia que a Xunta mantén o "criterio de reparto selectivo de subvencións que deixa fóra unha cuarta parte das familias", mentres que a outras tantas que reciben a axuda, "non lles dá para pagar os libros". O BNG, neste sentido, apuntou que "sete de cada 10 alumnos non recibe ningún tipo de axuda", e xunto ao PSdeG, demandan a recuperación dunha "gratuidade universal" dos libros de texto. 

ATRASOS NA CHEGADA DOS LIBROS DE TEXTO

Máis alá do tema da gratuidade dos libros de texto e da adecuación destes no modelo de ensino do presente e do futuro, o regreso ás aulas tamén vén marcado polos atrasos "en cadea" que están sufrindo os textos escolares por mor da aplicación da nova lei educativa, algún deles aínda en proceso de impresión. "Calculamos que o problema se resolverá en tres semanas", explica Ana Guerra, vicepresidenta da Asociación Galega de Editoras, membro da comisión de libros de texto e directora de Edicións Obradoiro Santillana, que sinala que hai "atasco" nas imprentas pola pequena marxe de tempo co que contaron para preparar o material. 

 

"A Xunta adiantounos os borradores dos decretos curriculares en maio, polo que houbo que refacer todos os libros entre xuño, xullo e agosto, un traballo que normalmente se estende moitísimo máis no tempo, ata os dous anos", explica. De feito, sinala, os decretos aínda non foron publicados de maneira oficial e as editoras só puideron traballar sobre borradores, co perigo de que, logo, haxa novas intervencións sobre os contidos. "Que saísen en maio foi moi problemático para nós, que tivemos que facer un esforzo descomunal", explica. Son Galicia, País Vasco, Andalucía e Castela e León as comunidades que empezan o curso sen a publicación destes decretos. 

 

Neste momento, di, "o libro físico está chegando á rapazada", a falta, no caso de Santillada, dun exemplar que sairá da imprenta e chegará aos centros en "dúas ou tres semanas". Dende esta editorial traballan agora no material de apoio para o profesorado, que tamén sofre retrasos. "As probas de avaliación inicial ou os solucionarios estámolos mandando unidade por unidade en formato dixital, pero esperamos pechar este traballo entre este mes e o seguinte, porque se non acumularemos o atraso tamén para o seguinte ano", explica Guerra. 

 

Dende as librarías confirman que hai "certos manuais de certas editoriais que van entrar con retraso", pero matizan que non é un problema xeneralizado nin "vai haber falta de libros maioritariamente". Así se explica Celia Fernández, vicepresidenta da Federación de Librarías de Galicia, que tamén sinala un aumento dos prezos dos libros de texto do 6%, e aínda algo máis acentuado no material de papelaría. "A nós tamén nos afectan as tendencias inflacionistas, na media do que afecta tamén a outros sectores, e vemos que para as familias está supoñendo un desembolso importante, mais o sistema de axudas públicas palía un pouco a situación a quen ten maiores dificultades", asegura esta libreira. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Solemne chorrada de las llamadas anpas galegas. Los críos tienen sobreabundancia de tabletas, móviles, consolas, ordenadores y pantallas de todo tipo, como para que se olviden de los libros de papel.