O concurso Primavera das Letras premia tres traballos escolares sobre Delgado Gurriarán

Resultaron galardoados o CEIP de Seixalbo (Ourense), o CEIP Fondo Nois (Foz) e o CEIP Julio Gurriarán Canalejas (O Barco de Valdeorras).

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

O concurso escolar da Real Academia Galega sobre Florencio Delgado Gurriarán xa ten gañadores. Os tres colexios premiados a través do proxecto 'Primavera das Letras' polas súas contribucións á divulgación da vida e da obra do protagonista do Día das Letras 2022 son o CEIP de Seixalbo (Ourense), o CEIP Fondo Nois (Foz) e o CEIP Julio Gurriarán Canalejas (O Barco de Valdeorras).

En concreto, o colexio de Seixalbo presentou ao concurso 'Contádenos o voso Día das Letras' un vídeo breve, 'Un minuto con Florencio', que narra a vida do poeta valdeorrés con debuxos e a voz en off de alumnado de sexto curso. A videocreación fíxose coa colaboración da canle Tik Tak Draw, a partir do guión escrito polo equipo de dinamización da lingua galega do centro educativo. Suma preto de 6.000 visualizacións en Youtube.

Pola súa banda, o profesorado do CEIP Fondo Nois discorreu unha festa galego-mexicana para achegar o alumnado á traxectoria vital de Florencio Delgado Gurriarán, figura destacada do exilio galeguista en México, e mostroulles á cativada, a partir dos seus 'Poemas mexicanos', distintas danzas do mundo. Un xogo interactivo sobre a vida de Florencio da man de Coguleo, a mascota da biblioteca escolar, biografías ilustradas, murais ou dramatizacións de episodios da vida do escritor son outras das propostas desenvolvidas desde o centro focense.

Os versos de Florencio Delgado Gurriarán tamén inspiraron o proxecto premiado do CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras, a comarca natal do homenaxeado. O colexio presentou a adaptación musical do poema 'Aí ven o maio', un videoclip protagonizado polos nenos e nenas de 5 anos baixo a dirección da súa titora e do profesor de música. Este é outro dos grandes éxitos escolares das Letras Galegas 2022 en Youtube, onde suma máis de 7.000 visualizacións.

A Real Academia Galega ten previsto entregar os premios a mediados do mes de outubro nun acto co alumnado e o profesorado do tres centros educativos, que terá lugar na sede da institución, na Coruña.

Un dos centros premiados dentro do concurso de actividades das Letras Galegas 2022.. REAL ACADEMIA GALEGA
Un dos centros premiados dentro do concurso de actividades das Letras Galegas 2022.. REAL ACADEMIA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta