O ministro Albares asegura que Galicia estará "no centro" da presidencia de España na Unión Europea

Confirma a celebración de dous consellos informais en Vigo, de pesca, e en Santiago, de economía e finanzas, no mes de xullo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/09/2022 | Actualizada ás 19:20

Comparte esta noticia

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, asegurou este venres que Galicia estará "no centro" da presidencia de España na Unión Europea, que se producirá no segundo semestre de 2023. Así, o titular de Exteriores afirmou que o Goberno central ten como obxectivo "levar a presidencia" da Unión a "todos os recunchos do país" e que Europa "coñeza a pluralidade e a diversidade, que é a riqueza de España".

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, no Concello de Santiago
O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, no Concello de Santiago | Fonte: Concello de Santiago de Compostela.

Confirmou que haberá dous consellos informais "importantísimos". O primeiro deles terá lugar no mes de xullo en Vigo e será sobre pesca. Posteriormente, celebrarase o Consello Ecofin, de economía e finanzas, en Santiago de Compostela.

Ademais, lembrou que haberá outras reunións "importantes" e que unha delas será en Lugo, cidade que tamén visitou este venres para participar no programa 'Encontros', que promove o diario O Progreso.

Así mesmo, reafirmou que durante a presidencia de España na UE impulsarán "o uso das linguas cooficiais do Estado na Unión". Deste xeito, o obxectivo é que os europarlamentarios poidan utilizar "o galego e o resto de linguas cooficiais do Estado" nos plenos.

Por outra banda, lembrou que nos días 5 e 6 de outubro terá lugar na Coruña o cume hispano-alemá. Un cume que cualificou de "fundamental" ante os "momentos tan complexos" e co "desafío enerxético que expón Rusia polo posible corte de gas". "O eixo Madrid-Berlín é fundamental", insistiu.

Para Albares, todo isto demostra "o compromiso do Goberno de España con Galicia" e tamén "a importancia que ten Galicia para a proxección exterior de España".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Do fenómeno Albares pasará á Historia : darlle ás costas ao Pobo Saharaui ~ machacar as relacións con Alxeria ~ mandar a pesca ao fondo do mar ~ e se acaso ser o ministro máis corto que tivemos na vida ! O que non comprendo é tanto pelota que sae na foto !