Rueda promete seguir baixando impostos tras acusalo Pontón de lanzar un "pelotazo fiscal" a ricos

O presidente da Xunta defendeu a súa política fiscal e prometeu que, "para acertar", seguirán facendo "o contrario" do que din os nacionalistas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu que continuará baixando impostos "evitando pór en risco a consistencia" dos servizos públicos, a pesar de que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o acusase de lanzar "un pelotazo fiscal" de 34 millóns de euros aos ricos co aumento da bonificación do imposto de patrimonio ata o 50 por cento.

A sesión de control ao Goberno galego vivida este mércores no pleno do Parlamento converteuse nunha prolongación do debate do martes, no que Rueda explicou as liñas mestras dos orzamentos de 2023 e da súa política fiscal. "Non debeu de quedar vostede moi contenta coa comparecencia de onte, que tenta hoxe xogar á prórroga", ironizou o presidente.

E é que a líder do Bloque --e da oposición-- aproveitou a súa pregunta sobre a xestión de recursos públicos por parte da Xunta para volver denunciar a baixada do imposto de patrimonio "para millonarios" anunciada nos últimos días. "Onte non logrou explicarnos en que lle beneficia o pelotazo fiscal de 34 millóns de euros á maioría social dos galegos", espetoulle Pontón a Rueda.

Segundo cifras que expuxo a portavoz nacional do BNG, a rebaixa nos tres primeiros tramos do IRPF anunciada polo presidente no pleno supón 46 euros de aforro anuais, mentres que para uns 7.700 "patrimonios millonarios" o beneficio é de "4.415 euros". "Vaia diferenza, señor Rueda", esgrimiu.

Na súa resposta, o presidente da Xunta defendeu a súa política fiscal e prometeu que, "para acertar", seguirán facendo "o contrario" do que din os nacionalistas: "Evitaremos pór en risco a consistencia do Estado do benestar e non poder pagar os servizos públicos aínda que sigamos baixando impostos, que o imos a facer".

Así mesmo, Rueda cargou contra o BNG, formación que esta semana cumpriu 40 anos, fronte ás vitorias electorais do PPdeG: "Se cadra é que os galegos observan como xestiona cada un".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, responde a preguntas no Parlamento de Galicia.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, responde a preguntas no Parlamento de Galicia.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta